O Centro de Resposta a Incidente de Ciberseguridade da Xunta entra na rede nacional impulsada polo CCN

Venres 30 de Setembro de 2022

O Centro de Resposta a Incidente de Ciberseguridade da Xunta entra na rede nacional impulsada polo CCN

• CSIRT.gal é o sexto organismo autonómico que se integra nesta rede que actuará en coordinación cos Centros de Operacións de Ciberseguridade (SOC) europeos
• A Rede Nacional de SOC articula a colaboración entre as administracións para mellorar as capacidades de defensa, detección e resposta a ciberincidentes
• Galicia foi a primeira Comunidade en dispoñer dunha estrutura de colaboración público-privada en materia de ciberseguridade: o Nodo CIBER.gal
• A Xunta ten en marcha un paquete de medidas para facer fronte aos novos retos de ciberseguridade, cuns investimentos de 18 millóns de euros, que inclúen a construción do Centro Galego de Excelencia en Ciberseguridade


O Centro de Resposta a Incidentes da Seguridade da Información de Galicia (CSIRT.gal), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, entrou a formar parte Rede Nacional de Centros de Operacións de Ciberseguridade (RNS) impulsada polo Centro Criptolóxico Nacional (CCN).

A rede nacional encárgase da colaboración e o intercambio de información entre todos os Centros de Operacións de Ciberseguridade (SOC) das distintas Administracións Públicas. O obxectivo é o de mellorar as capacidades nacionais de defensa, detección e resposta a posibles ciberincidentes. Tamén actuará como  enlace cos diferentes SOC europeos.

A Xunta é a sexta Comunidade Autónoma que se integra na rede, da que tamén forman parte organismos dependentes dos gobernos de Madrid, Comunidade Valenciana, Aragón, Rexión de Murcia e Canarias. Tamén forman parte desta iniciativa concellos como o da Coruña, deputacións provinciais, empresas e a Secretaría Xeral de Administración Dixital dependente da Vicepresidencia Primeira do Goberno.

A entrada do CSIRT.gal na rede nacional complementa as medidas que puxo en marcha a Xunta para facer fronte aos novos retos de ciberseguridade, con investimentos que se achegan aos 18 millóns de euros e que inclúen a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia.

Ademáis, en marzo de 2020 a Xunta puxo en marcha o Nodo de Ciberseguridade Ciber.gal, que converteu a Galicia na primeira Comunidade en dispoñer dunha estrutura de cooperación público-privada nesta materia.

Na súa constitución, ademáis do Goberno autonómico, participaron o Instituto Nacional de Ciberseguridade e o Centro Criptolóxico Nacional, as catro Deputacións galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Desde  entón, ademais, estanse a sumar ao nodo unhas 40 entidades privadas e as tres universidades galegas.

Entre as actividades promovidas polo Nodo Ciber.gal atópase a organización do II Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará os vindeiros 9 e 10 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia. A esta cita poderán acudir, de xeito gratuíto, estudantes, pais, titores, avós, profesionais do tecido empresarial galego e tamén das Administracións Públicas.