O Centro de Novas Tecnoloxías da Xunta formou a 762 profesionais do sector TIC galego no curso 2010-2011

Sábado 09 de Xullo de 2011

O Centro de Novas Tecnoloxías da Xunta formou a 762 profesionais do sector TIC galego no curso 2010-2011

Nas instalacións, dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, ofertáronse 51 accións formativas intensivas e prácticas que tiveron por obxecto ofrecer aos alumnos unha formación especializada e de calidade

Máis do 80 por cento dos cursos incluíron a posibilidade de realizar, de xeito gratuíto, un exame de certificación acreditativo ao que accederon 612 alumnos

O portal web http://cntg.xunta.es recibiu 127.541 visitas externas no período comprendido entre o primeiro de agosto de 2010 e o 30 de xuño de 2011

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) ofertou durante 2010-2011 un total de 51 cursos a través dos que se formaron 762 alumnos no sector TIC, dos que 743 remataron as accións formativas. Un 53 por cento dos asistentes foron persoas ocupadas, un 41,5 por cento desempregados e o 5,5 por cento restante pertencentes ao sector público.

A demanda de cursos foi alta en todas as áreas formativas, sobre todo, naquelas actividades dirixidas a formar en técnicas de dirección, xestión e/ou metodoloxía, un xeito que demostra a sintonía da oferta formativa coa demanda real do mercado. Os datos obtidos do balance final do curso manifestan que os alumnos demandan formación especializada e de calidade.

En total, o número de horas de formación impartidas acadaron as 2.723 oscilando cada curso entre as 20 e as 120 horas.

Ademais, de todas as accións formativas programadas o curso pasado, un 80 por cento da oferta (41 cursos) incluíu a posibilidade de realizar un exame gratuíto de certificación acreditativa. Neste senso, 612 alumnos realizaron estas probas de certificación acreditativas do seu dominio dunha determinada versión dunha ferramenta, produto ou metodoloxía. As probas, celebradas a meirande parte delas en dous períodos certificadores que tiveron lugar en xaneiro e xuño nas propias instalacións do CNTG, permitiron a un total de 254 profesionais superar os correspondentes exames aos que se presentaron.

Estas probas efectuáronse sobre tecnoloxías tan diversas como as propias de Oracle, Red Hat, LPI, Microsoft, ITIL, PMI, Adobe, Scrum, Cisco, Vmware, Citrix, OMG, PHP ou ISTQB. Na vindeira programación, seguindo a liña do CNTG de renovación continua da súa oferta formativa, incluiranse novas certificacións e novas tecnoloxías.

A formación ofertada polo CNTG abrangueu as distintas áreas do sector incluíndo nos seus contidos temática relacionada coa administración de sistemas, o desenvolvemento, a xestión e seguridade de redes ou a dirección e xestión de proxectos.

Así mesmo, a valoración dos asistentes aos cursos impartidos foi moi alta, tal e como se desprende duna enquisa cuberta por máis de 700 alumnos. Así, maniféstase que, nas puntuacións obtidas nos diversos indicadores que son obxecto de valoración por parte dos alumnos, existe unha valoración media final superior aos 8 puntos sobre 10 en todas e cada unha delas.

Practicamente a totalidade das accións formativas foron impartidas no CNTG en Santiago de Compostela, agás algúns cursos que se desenvolveron en Lugo, Ourense, Vigo ou A Coruña.

Na actualidade, o CNTG está a pechar a programación para o vindeiro curso, accións formativas que se publicarán no mes de agosto.

Balance da web
Por outra banda, é preciso salientar que o portal web recibiu 127.541 visitas externas no período comprendido entre o primeiro de agosto de 2010 e o 30 de xuño de 2011. A cifra representa un suba porcentual de preto do 20% respecto ao ano anterior e manifesta a alta demanda do resto das actividades que, co formato de xornada, obradoiro ou seminario, tamén tiveron lugar no CNTG.

O enderezo a través da que se pode acceder ao portal do Centro de Novas tecnoloxías de Galicia, onde está recollida toda a información sobre as actividades do CNTG, é http://cntg.xunta.es.

Ademais, ao longo do pasado curso e froito dun convenio de colaboración asinado entre a Dirección Xeral de Formación e Colocación e o Clúster do Audiovisual galego, o CNTG deu apoio loxístico a diversos cursos e seminarios dirixidos a profesionais do sector audiovisual galego, como seminarios sobre fotografía de alta calidade ou novos formatos audiovisuais para novas plataformas.

As accións formativas complementáronse coa celebración de diversos seminarios tecnolóxicos e xornadas informativas que versaron sobre temas diversos relacionados coas competencias do centro.

O centro tamén deu acollida a diversos cursos de formación ocupacional e de formación para orientadores laborais organizados pola propia Dirección Xeral de Formación e Colocación, así como a actividades e eventos organizados por outros departamentos da Xunta de Galicia entre os que cabe salientar a xornada sobre “Innovación aberta. Unha aposta polo crecemento de Galicia”, na que estivo presente como relator o profesor Henry Chesbrough.