O Centro de Novas Tecnoloxías da Xunta abre o prazo de inscrición para participar nos cursos que se impartirán ata decembro

Domingo 11 de Setembro de 2011

O Centro de Novas Tecnoloxías da Xunta abre o prazo de inscrición para participar nos cursos que se impartirán ata decembro

O CNTG, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, comezará a súa actividade o próximo día 15 de setembro

O centro renova a súa programación nun 35% con respecto ao curso anterior

En total o centro oferta 797 prazas, un 4,4% máis respecto á anterior programación

As actividades previstas teñen unha clara orientación laboral e constitúen un programa punteiro a nivel de España tanto pola diversidade de temas a tratar como pola elevada calidade dos currículos formativos que nel se inclúen

A maioría dos asistentes terán a posibilidade de realizar de balde un exame de certificación oficial relacionado coa materia formativa do curso ao que asistan

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, vén de abrir o prazo de inscrición para participar nos cursos ou actividades que ofertará ata o mes de decembro. O curso oficial comezará o próximo día 15 de setembro.

A primeira das accións formativas terá lugar a partir do 26 de setembro en horario de 9.30 a 13.30 horas. Os interesados en tomar parte deste curso denominado ‘Configuración de servizos corporativos en contornas Linux e Microsoft’ poderán achegar a súa solicitude ata o día 13, estando programada para o 19 a celebración da proba de selección.

No mes de outubro iniciaranse 7 novos cursos para os cales o prazo de inscrición rematará o 3. Os contidos das accións centraranse en administración de sistemas Microsoft Windows Server 2008, administración de bases de datos Oracle e de sistemas operativos Linux.

Tamén están abertos xa os prazos de inscrición para os tres primeiros seminarios que se celebrarán en setembro e outubro. Para asistir a estas actividades non será necesario desenvolver ningunha proba de selección previa. A asistencia, de balde como o resto de actividades do CNTG, só está condicionada á previa inscrición e ao aforo do local.

Os interesados poderán obter máis información a través do portal web do CNTG, http://cntg.xunta.es.

As instalacións de Traballo ofertará durante o curso 2011-2012 unha programación formativa punteira a nivel estatal que ten xa 71 actividades confirmadas, o que supón unha renovación respecto ao período 2010/2011 nunha porcentaxe do 35%.

Destas actividades, o número de cursos a celebrar ascende a 53 (14 en 2011 e 39 entre xaneiro e xullo de 2012), que se corresponden cun total de 797 prazas de alumnos e alumnas, un 4,4% máis respecto á anterior programación. A oferta formativa completarase e complementarse coa celebración de seminarios e xornadas tecnolóxicas de acceso gratuíto e onde a asistencia está unicamente condicionada ao aforo do local.

As actividades previstas teñen unha clara orientación laboral e destaca pola diversidade de temas a tratar e pola elevada calidade dos currículos formativos que nel se inclúen. O centro imparte formación para o emprego de carácter técnico, intensivo e especializado, dirixida preferentemente aos profesionais do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

En concreto, as accións formativas, impartidas por profesorado técnico e cualificado nos últimos produtos tecnolóxicos, incorporan novas iniciativas relacionadas con diferentes tecnoloxías non tratadas en programacións anteriores (Zentyal, RIM Blackberry e Prince2), e niveis superiores de formación relativos a metodoloxías, produtos ou ferramentas xa presentes en anteriores programas e que acadaron un alto nivel de demanda (ITILv3 Service Operation Lifecycle ou ITILv3 Operation Support and Analysis Capability, entre outros).

As novidades incorporadas na oferta inciden en todas as áreas formativas: Sistemas, desenvolvemento, seguridade, xestión e dirección ou metodoloxías, incluíndo novos cursos como os relativos a administración de redes Linux con Zentyal, o deseño áxil con Test Driven Development (TDD), a seguridade en contornos web e a detección de intrusos, Tuning con Oracle Database, Prince2 Foundation ou Windows Azure Developer.

A oferta completarase coa celebración de seminarios e xornadas tecnolóxicas de acceso gratuíto. Para o cuarto trimestre de 2011 xa están pechados diversos eventos relacionados coa tecnoloxía Java, a optimización do uso de bbdd Oracle, o testeo de software, a implementación de técnicas de seguridade perimetral, a seguridade web ou o cloud computing.

Do total de asistentes aos cursos, 677 alumnos e alumnas terán a posibilidade de realizar de balde un exame oficial de certificación oficial relacionado coa materia formativa do curso ao que asistan.

Con carácter xeral existirán dous períodos certificadores ao longo do ano a celebrar nas propias instalacións do CNTG: un en xaneiro, para os cursos realizados no cuarto trimestre de 2011; e outro en xuño, para aquelas accións formativas impartidas nos dous primeiros trimestres do ano 2012. Estas datas son orientativas e poderán estar suxeitas a cambiosen función do desenvolvemento e evolución de cada programa formativo, podendo incluso convocarse procesos certificadores relativos a cursos específicos en datas diferentes ás dos períodos citados.

En todo caso, os exames de certificación dirixidos a obter as acreditacións oficiais como Scrum Manager, APMG PRINCE2 Foundation, ITIL v3 Service Operation Lifecycle e/ou ITIL v3 Operation Support and Analysis Capability terán lugar na derradeira sesión de cada unha das citadas accións formativas.