O Centro de Novas Tecnoloxías colaborará con CENATIC no fomento de accións formativas sobre software libre
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o director xerente do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas (CENATIC), Miguel Jaque, asinaron este convenio cunha vixencia de dous anos
Estas accións permitirán ao alumnado a obtención de certificacións profesionais encadradas no modelo de capacitación certificado do CENATIC
O acordo asinado supón unha mellora cualitativa e cuantitativa dos beneficios que o CNTG achega aos profesionais do sector TIC galego
O Centro de Novas Tecnoloxías (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar e o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas (CENATIC) colaborarán na potenciación de accións formativas que, no ámbito do software libre, realice o CNTG dentro do seus plans de formación.
Así se reflicte nun convenio de colaboración asinado entre a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o director xerente de CENATIC, Miguel Jaque, cunha vixencia de dous anos. Estas accións permitirán ao alumnado a obtención de certificacións profesionais encadradas no modelo de capacitación certificado do CENATIC.
O acordo asinado supón unha mellora cualitativa e cuantitativa dos beneficios que o CNTG achega aos profesionais do sector TIC galego, pois estes, sexan ou non alumnos do centro e sen custo algún para eles, van ter a posibilidade de acreditar os seus coñecementos mediante un certificado profesional asociado a un sistema de ordenación do coñecemento implantado por CENATIC e diferente, polo tanto, dos que actualmente oferta o CNTG, baseados principalmente en currículos formativos definidos polos diferentes fabricantes tecnolóxicos do sector.
Entre outros apartados, a colaboración entre ambas partes implica o estudo e análise dos plans formativos do CNTG co obxecto de identificar aqueles puntos nos que CENATIC poida ofrecer melloras a través do seu programa de Capacitación Certificada e que permitan realizar actuacións de validación de certificados profesionais incluídos na oferta formativa do CNTG ou a realización de exames oficiais CENATIC nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías e con carácter gratuíto para os interesados.
A firma do presente convenio por parte da Xunta de Galicia implica un novo impulso por parte da Consellería de Traballo e Benestar na acreditación e certificación daqueles profesionais TIC que desexen desenvolver a súa actividade no sector do software libre.