O CDTIC retransmite en streaming o seminario sobre community manager que celebra este xoves

Martes 23 de Setembro de 2014

O CDTIC retransmite en streaming o seminario sobre community manager que celebra este xoves

Excelente acollida das actividades organizadas pola Amtega no Centro Demostrador.

Xa están esgotadas as prazas para asistir aos seminarios “Community Manager”, “Desenvolvemento de aplicacións en Android” e “Administración avanzada de Drupal”.

A oferta formativa posta en marcha polo Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), está a ter unha moi boa acollida. Proba disto é o éxito dos tres seminarios previstos para os próximos días, “Community Manager”, “Desenvolvemento de aplicacións en Android” e “Administración avanzada de Drupal” cuxas prazas, nos tres casos, xa están esgotadas.

“Community Manager” o 25 de setembro
O primeiro destes seminarios (https://cdtic.xunta.es/community-manager) celebrarase o 25 de setembro en horario de 16.00 a 20.00. A diferenza dos outros dous, impartirase na Aula CeMIT de Chapela (Redondela), situada na sede do edificio da Asociación de Mulleres Agarimo. Así mesmo, a sesión poderá seguirse a través de streaming dende calquera punto de Galicia.

A través desta sesión, as persoas asistentes coñecerán dun xeito práctico a nova contorna dixital, así como un esquema para desenvolver un social media plan. Por outra banda, aprenderán tamén a manexar e a aproveitar as ferramentas 2.0 para facer valer a función do community manager.

Este seminario está destinado principalmente a persoal directivo e a responsables comerciais ou de mercadotecnia das empresas, malia que tamén pode asistir calquera persoa que desexe pór en marcha un proxecto de comercio electrónico.

“Desenvolvemento de aplicacións para Android” o 30 de setembro
O segundo dos seminarios (https://cdtic.xunta.es/aplicacions-android) será o 30 de setembro nas instalación do CDTIC de Santiago de Compostela en horario de 16.00 a 20.00 horas.

Ao longo desta sesión de introdución a Android trataranse a arquitectura e os principais compoñentes, co obxectivo de dar unha visión global que lles facilite ás persoas asistentes os primeiros pasos nesta plataforma. Ao final da xornada está prevista a creación dunha pequena aplicación de proba para, deste xeito, aplicar os conceptos vistos na sesión.

Este seminario está destinado a profesionais TIC con coñecementos de programación, preferiblemente en Java, malia que, ao tratarse dunha introdución a Android, calquera persoa interesada podería asistir á sesión.

“Administración avanzada de Drupal” o 1 de outubro
Despois da celebración o 11 de setembro do seminario “Administración básica de Drupal”, tamén con excelente acollida entre os profesionais, que esgotaron as prazas ofertadas, o 1 de outubro impartirase a segunda das xornadas (https://cdtic.xunta.es/drupal-avanzado),sobre este xestor de contidos. Será nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela entre as 16.00 e as 20.00.

Neste seminario as persoas asistentes afondarán na utilización e configuración de Drupal con características avanzadas do sistema. Os principais destinatarios desta actividade son os profesionais TIC, os responsables de xestionar as webs das empresas, os autónomos etc. que queiran crear unha páxina web en Drupal ou ben xa administran unha e desexan afondar na súa utilización e na incorporación de máis funcións.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.