O CDTIC organiza unha sesión para explicar ás pemes galegas as vantaxes da xestión enerxética coas TIC
O 17 de xullo o CDTIC acollerá a xornada “Innovación aplicada á xestión enerxética: Solución co2st - tem”
O colectivo destinatario deste seminario está formado enxeñeiros, financeiros e persoal directivo de empresas industriais ou do sector servizos
A asistencia a este curso é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá o día 17 de xullo o seminario “Innovación aplicada á xestión enerxética: Solución co2st - tem” (https://cdtic.xunta.es/co2st-tem) que se impartirá no CDTIC Galicia en horario de 10.00 a 13.30 horas.
Nesta actividade explicaranse as vantaxes da plataforma web co2st - tem, que ten como principal obxectivo reducir os custos enerxéticos nas empresas.
Este seminario está destinado a persoal enxeñeiro, financeiro e directivo de empresas industriais ou do sector servizos. O obxectivo desta actividade é demostrar a utilidade da citada plataforma co2st - tem, coa que pode levarse a cabo o seguimento, análise, control e optimización técnica e enerxética de instalacións.
Organiza o seminario a empresa CO2 Smart Tech, especializada en telexestión e telecontrol de instalacións consumidoras de enerxía coa finalidade de optimizar a súa explotación e, polo tanto, reducir custos enerxéticos e prolongar a súa vida útil.
A plataforma co2st - tem
Trátase dunha ferramenta flexible e personalizable, que mostra toda a información gráfica, os informes e as táboas de datos na pantalla de forma clara, sinxela e personalizada para cada cliente, o que facilita a súa análise e comprensión.
Con co2st - tem pode coñecerse en cada momento, desde un dispositivo con acceso a internet, o consumo, o custo e o estado de funcionamento dunha instalación.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.