O CDTIC organiza o 26 de febreiro en Vigo unha sesión formativa sobre o xestor de contidos web Joomla
Impartirase en horario de 18.00 a 20.00 horas na Aula CeMIT de Vigo e poderá seguirse por streaming.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/.
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza o día 26 de febreiro unha sesión de formación que leva por título “O sistema de xestión de contidos Joomla” (https://cdtic.xunta.es/joomla-vigo) que se desenvolverá en horario de 18.00 a 20.00 horas na Aula CeMIT de Vigo, na rúa do Porto.
Esta actividade formativa ten como obxectivo explicar o funcionamento do sistema de xestión de contidos Joomla, as súas características (licenza, partes, escalabilidade ou xestión de usuarios, menús, contidos, modelos, idiomas etc.) ou a súa comunidade.
A sesión está destinada a profesionais TIC, responsables da xestión web das empresas, autónomos etc. que queiran crear unha páxina web en Joomla ou ben xa administran unha e queren afondar no seu emprego ou na forma de engadir máis funcións. Encargarase de impartila Pablo Arias, desenvolvedor, asesor e consultor web especializado en Joomla.
Como existe un límite de prazas, para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. As persoas que non poidan acudir á demostración poderán seguila a través de streaming.
O xestor de contidos Joomla
Joomla é o máis popular dos xestores de contidos. Emprégano tanto individuos como pemes ou grandes organizacións para crear, dun xeito doado e flexible, unha gran variedade de webs ou aplicativos web. Ofrece un amplo abano de compoñentes adicionais como son axenda, foros, enquisas, buscador avanzado, sindicación de contidos etc. Entre as súas múltiplas extensións destacan varias especialmente deseñadas para integrar no portal unha tenda de comercio electrónico.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.