O CDTIC da Amtega presenta o 27 de febreiro dous novos programas formativos nunha xornada sobre as tendencias en marketing dixital e comercio electrónico

Mércores 21 de Febreiro de 2018

O CDTIC da Amtega presenta o 27 de febreiro dous novos programas formativos nunha xornada sobre as tendencias en marketing dixital e comercio electrónico

> A xornada celébrase o 27 de febreiro na Cidade da Cultura e contará coa intervención de Rubén Bastón, especialista Social Media en Elogia.

> O CDTIC lanza dúas novas iniciativas #MesD, #DemosXWeb para continuar achegando solucións tecnolóxicas ás empresas baixo un formato máis flexible adaptado ás necesidades das empresas

> A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web ou na app do CDTIC

 

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presenta, o día 27 de febreiro, os dous novos programas formativos que vai poñer en marcha,  #MesD e #DemosXWeb, no marco da Xornada: “Marketing Dixital e Comercio Electrónico: Tendencias 2018-2020” (https://cdtic.xunta.gal/presentacion-novos-programas-cdtic).

Durante a Xornada, Rubén Bastón, director da revista Marketing4ecommerce e especializado en social media e contidos dixitais en Elogia, esbozará as tendencias en Comercio Electrónico e Marketing Dixital que gañarán peso nos vindeiros anos, motivados por un escenario de constante evolución, tanto tecnolóxica como cultural. A continuación as pemes tomarán a palabra nunha mesa de debate onde compartirán a súa experiencia na venta dos seus produtos e servizos a través de internet.

Esta actividade, que poderá seguirse nas redes sociais a través do hashtag #eTendencias2020, está destinada principalmente a cargos directivos, propietarios e persoal de pequenas e medianas empresas. Para asistir cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/presentacion-novos-programas-cdtic) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.

Programa  #MesD

Trátase dun programa que se desenvolverá ao longo de sesións formativas concentradas cada mes nun tema amplo e cunha duración aproximada de dúas horas.

O primeiro bloque temático estará centrado no Comercio Electrónico. Desenvolverase ao logo do mes de marzo, todos os martes, na aula CeMIT de Vigo. Nestas xornadas abordaranse os seguintes aspectos: claves para o éxito, prezos e competencia, campañas e promocións, plataformas tecnolóxicas e tendas.

O segundo bloque temático, que se celebrará no mes de maio, estará dedicado ao Marketing Dixital, con sesións sobre o marketing de buscadores, marketing en redes sociais, email marketing ou analítica de resultados web.

Programa  #DemosXWeb
Estoutro programa desenvolverase a través de sesións demostrativas dunha hora, que se retransmitirán exclusivamente por streaming, e que tratarán sobre unha ferramenta, aplicación ou tema concreto. O obxectivo deste formato é ter unha explicación rápida e cómoda para o receptor, que non ten que desprazarse.

Inicialmente, os temas que se van tratar nestas sesións serán: redes e internet, marketing, comercio electrónico, mobilidade, produtividade e negocios, multimedia e utilidades.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías