O CDTIC da Amtega pecha o programa formativo Aceleratic para a transformación dixital da peme galega

Mércores 13 de Xullo de 2016

O CDTIC da Amtega pecha o programa formativo Aceleratic para a transformación dixital da peme galega

Coa sesión “Transformación e xestión do cambio na organización” remata hoxe este itinerario formativo para directivos e xerentes de pequenas e medianas empresas

Foi impartido pola Escola de Negocios AFundación, abordando en seis xornadas as estratexias de negocio para a nova contorna dixital

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acolle hoxe a última xornada do Programa Formativo AceleraTIC para a Transformación Dixital da Peme, impartido pola Escola de Negocios Afundación.

O obxectivo principal do programa foi achegarlles ás persoas asistentes os temas claves e as principais novidades no ámbito dixital, que poden ser de utilidade para as empresas. O programa AceleraTIC promove así a creación dun perfil directivo que considere os recursos dixitais dende un punto de vista estratéxico, é dicir, que entenda o valor que achegan as tecnoloxías ao negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.

A última sesión do programa aborda o tema da “Transformación e xestión do cambio na organización” buscando a concienciación e capacitación de colaboradores e directivos máis ala dos temas dixitais, para así lograr unha actitude máis flexible e aberta aos cambios que é necesario dispoñer nos procesos de transformación dixital. Nesta sesión trátase especialmente as eivas habituais deste proceso: a resistencia ao cambio e da falta de liderado. Na sesión destacouse a importancia da comunicación aos empregados para implicalos na estratexia dixital.

No programa, que esgotou as prazas dispoñibles na súa convocatoria, participaron máis de vinte e cinco pequenas e medianas empresas de diversos sectores de actividade. Os participantes no AcelaTIC, con perfil de xerentes e persoas con responsabilidades de dirección, recibiron o certificado “Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa” outorgado pola Escola de Negocios Afundación e a Amtega.

Un total de seis sesións conformaron o programa
O programa formativo desenvolveuse en Santiago de Compostela ao longo de seis sesións de 8 horas de duración nos meses de xuño e xullo. Cada unha das sesións centrouse en distintos aspectos fundamentais para a transformación dixital da empresa.

A sesión inaugural o día 9 de xuño foi sobre a “Estratexia para a nova contorna dixital”, e seguíronlle: “Marketing dixital para pemes”; “Comercio electrónico”, “Big Data & Business Intelligence para o control de xestión empresarial”, “Análise de datos para o control da estratexia dixital”, finalizando coa devandita “Transformación e xestión do cambio na organización”. Máis información do programa pode consultarse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal).

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda o resto dos sectores empresariais galegos.

O CDTIC é unha iniciativa promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a entidade pública empresarial Red.es, adscrita ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, e cofinanciada con fondos FEDER.