O CDTIC da Amtega organiza o 4 de outubro un seminario sobre a versión 8 do sistema de xestión de contidos Drupal

Martes 27 de Setembro de 2016

O CDTIC da Amtega organiza o 4 de outubro un seminario sobre a versión 8 do sistema de xestión de contidos Drupal

A xornada amosará de xeito práctico as novas funcionalidades e melloras do sistema

A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, organiza o día 4 de outubro o seminario “Coñece as novidades de Drupal 8” (https://cdtic.xunta.gal/drupal-8-santiago) que se impartirá nas súas instalacións en horario de 16.00 a 19.00 horas.

Nesta actividade formativa, de carácter práctico, daranse a coñecer as características que fan de Drupal un sistema de xestión de contidos (CMS) axeitado para o desenvolvemento de webs de calquera sector. As persoas asistentes descubrirán os seus compoñentes tecnolóxicos, as súas funcionalidades e as vantaxes, a través de exemplos prácticos, de empregar Drupal.

O programa da xornada inclúe temas como a evolución de Drupal, as súas novas funcionalidades (para desenvolvedores, melloras para usuarios e clientes e tamén de deseño, ou construción de sitios web multilingües) e os erros máis comúns que adoitan cometerse ao comezar con esta versión 8. A actividade finalizará coa exposición de boas prácticas neste xestor de contidos.

Este seminario está destinado principalmente a persoal técnico de asociacións ou entidades interesado en profundar no desenvolvemento e na optimización de webs con Drupal. O encargado de impartir a sesión será Alberto Permuy, socio da empresa Codery e arquitecto Drupal.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.