O CDTIC da Amtega acolle este xoves un seminario sobre os aspectos máis relevantes para deseñar unha aplicación de éxito

Martes 26 de Maio de 2015

O CDTIC da Amtega acolle este xoves un seminario sobre os aspectos máis relevantes para deseñar unha aplicación de éxito

CreaAPPCuentos, startup dedicada ao desenvolvemento de Apps, compartirá con emprendedores e desenvolvedores a súa experiencia na aposta en marcha dunha aplicación móbil.

A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/

Este xoves, 28 de maio, o Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá o seminario “Como crear unha app e non morrer no intento: que cousas debo coñecer e erros frecuentes” (https://cdtic.xunta.es/crear-app), que se desenvolverá en horario de 17.00 a 19.00 horas.

Trátase dunha actividade na que se darán a coñecer os aspectos máis relevantes que cómpre ter en conta para crear unha app e cales son os erros máis frecuentes que se comenten ao desenvolvelas. Ao longo da xornada explicaranse factores que se deben considerar á hora de deseñar unha aplicación (como o público obxectivo ou o modelo de negocio), o posicionamento en market place ou a importancia das métricas, entre outros temas.

Este seminario está dirixido a persoas emprendedoras ou que se dedican á programación e que queren desenvolver unha aplicación. O encargado de impartir a sesión será Avelino Correa, profesional do ámbito das novas tecnoloxías e responsable de CreaAPPCuentos, unha startup dedicada ao desenvolvemento de apps de carácter educativo.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Amtega, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.