O CDTIC continúa o ciclo de accións formativas para pemes co seminario “Aspectos legais do comercio electrónico”

Martes 10 de Xuño de 2014

O CDTIC continúa o ciclo de accións formativas para pemes co seminario “Aspectos legais do comercio electrónico”

O seminario, que se celebra mañá, será impartido por Víctor Salgado, profesor e investigador en Dereito Informático na Universidade da Coruña.

O colectivo destinatario deste seminario está formado por pemes e traballadores autónomos, así como asociacións e clústeres empresariais.

A asistencia a estes cursos é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/aspectos_legais

Para aqueles que non poidan desprazarse a Santiago son varias as aulas CeMIT que ofertan a posibilidade de seguilo por videoconferencia.

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá mañá, martes 10 de xuño, de 16.00 a 20.00 horas, o seminario “Aspectos legais do comercio electrónico” (https://cdtic.xunta.es/aspectos_legais).

Nesta xornada abordaranse temas relacionados coa compra e coa venda de produtos ou servizos a través da rede, como a Lei de servizos da sociedade da información, aspectos relacionados coa contratación electrónica, a normativa e as implicacións prácticas da protección de datos, a defensa das persoas consumidoras, os requisitos e as condicións do envío de comunicacións comerciais, a propiedade intelectual, e os termos e condicións. Así mesmo, daranse a coñecer exemplos e recomendacións para os diferentes sectores.

Esta actividade formativa está especialmente deseñada para pemes e traballadores autónomos de todos os sectores, así como asociacións e clústeres empresariais. O obxectivo é que as persoas que acudan ao seminario adquiran os coñecementos necesarios sobre os aspectos legais asociados ao comercio electrónico.

Impartirá o seminario Víctor Salgado Seguín, Socio-manager en Pintos & Salgado Abogados, CEO en Appvisor e Profesor e investigador en Dereito Informático na Universidade da Coruña. Recoñecido como experto pola Unión Europea en varias disciplinas como por exemplo o EuroPriSe Expert Certificate ou o European Certificate on CiberCrime and e-Evidence. Publicou unha vintena de artigos en boletíns e revistas especializados, tanto a nivel nacional como internacional, en materias tales como os aspectos xurídicos do comercio electrónico, a lexislación en materia de protección de datos, entre outras.

Videoconferencia coas aulas CeMIT
As persoas interesadas que non podan achegarse a Santiago poderán seguir o Seminario a través das aulas CeMIT de Ferrol, Sada, San Sadurniño, O Barco de Valdeorras, Ourense, Celanova, Marín ou Pontevedra.

Reputación na rede, pechará o ciclo sobre Comercio Electrónico e Marketing Dixital
O vindeiro martes 17 de xuño celebrase a sesión “Reputación na rede” (https://cdtic.xunta.es/reputacion-rede) onde as pemes e autónomos adquirirán os coñecementos e habilidades precisas para levar a cabo unha xestión eficaz da súa reputación nas redes sociais e internet.

Este seminario, tamén poderá ser seguido por videoconferencia nas aulas CeMIT de Ferrol, Sada, San Sadurniño, O Barco de Valdeorras, Ourense, Celanova, Marín ou Pontevedra.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.