O CDTIC celebra este mes dous seminarios sobre marketing en liña e comercio electrónico para pemes e autónomos
Celebraranse o 22 e o 29 de abril e serán impartidos por Javier Rocamora, consultor especialista en marketing en liña, comercio electrónico e presenza en redes sociais
Están orientados ás empresas e autónomos para que adquiriran os coñecementos necesarios para empezar a comercializar os seus produtos ou servizos a través de plataformas dixitais
A asistencia é de balde e está condicionada polo aforo da sala e a inscrición previa
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá os vindeiros 22 e 29 de abril dous seminarios baixo o título “Introdución ao marketing online e ao e-commerce para pemes”. O primeiro deles estará dedicado ao emprego das redes sociais nas actividades de marketing, mentres que o segundo versará sobre blogs, fundamentos de comercio electrónico e publicidade en liña. Ambos desenvolveranse no CDTIC de Galicia, en Santiago de Compostela, en horario de 16.00 a 20.00 horas.
Os seminarios serán impartidos por Javier Rocamora García e están dirixidos a pemes e traballadores autónomos de todos os sectores, así como a asociacións e clústers empresariais. A idea é que, mediante estas dúas sesións, as persoas asistentes adquiran os coñecementos necesarios para empezar a comercializar os seus produtos ou servizos a través de plataformas dixitais. Ademais, aprenderán as habilidades básicas para a definición dunha estratexia de posicionamento da empresa a través de medios electrónicos e a participación nas redes sociais. A inscrición pode realizarse a través dahttp://cdtic.xunta.es/marketing-dixital.
Para facilitar a asistencia os obradoiros serán transmitidos por videoconferencia a través das aulas CeMIT. Aquelas empresas que desexen asistir baixo esta modalidade, poden acudir a súa aula CeMIT máis próxima (http://cemit.xunta.es) e solicitar a súa participación, ou chamar aos teléfonos 981 97 51 36 ou 981 54 50 60.
Javier Rocamora
Javier Rocamora García (A Coruña) é responsable de marketing on/offline en Appvisor e consultor externo marketing online e redes sociais en Correduría de seguros líder en Galicia con 25 oficinas. Exerce tamén como consultor e formador autónomo en marketing online e estratexia en jrocamora.com e durante os últimos anos está orientado a proxectos relacionados coa marketing online: análise e redeseño de webs para facelas máis eficaces de cara á venda, presenza en redes sociais, publicidade online, deseño de blogs, community management, etc.
A empresa coruñesa Appvisor (http://appvisor.pro/) é unha plataforma de consultas a expertos a través do dispositivo móbil, que permite formular cuestións a algún dos especialistas cos que conta en calquera momento e en calquera lugar.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC ten como obxectivo achegar a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de red.es e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.