O CDTIC acollerá o 8 de febreiro a presentación do xestor documental “DIGITALDOCU” e da solución “JUSTBREADSOFT” para a xestión de panaderías
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza o día 8 de febreiro dúas sesións demostradoras que levan por título “Beneficios da xestión documental na túa organización” (https://cdtic.xunta.gal/unayta-xestion-documental) e “JustBreadSoft: aforra tempo na xestión da túa panadería” (https://cdtic.xunta.gal/unayta-panaderias). Ambas levaranse a cabo nas instalacións do Centro en Santiago de Compostela en horario de 16.00 a 17.30 e de 18.00 a 19.30 horas, respectivamente.
Digitaldocu é unha solución para optimizar os procesos de almacenaxe, localización, consulta e tramitación de gran volume de documentación en calquera organización, o que supón un aforro de custos, tempo e espazo. Ao longo da sesión, ademais de explicar os beneficios deste xestor documental, farase unha demostración práctica do seu funcionamento. Os destinatarios principais desta actividade son os profesionais da avogacía e da arquitectura e os colexios de formación profesional.
A segunda das sesións servirá para presentar JustBreadSoft, unha solución para a xestión de panaderías e pastelerías, cunha interface sinxela e visualmente atractiva, que inclúe múltiples funcionalidades para facer o seguimento da actividade do negocio desde terminais móbiles, tales como xestionar cobros e pagamentos ou tamén compras e vendas, xerar facturas e optimizar rutas e pedidos. Na actividade farase tamén unha demostración do seu funcionamento e aclararanse cuestións e dúbidas que poidan xurdir con respecto a esta ferramenta. A sesión está pensada principalmente para responsables de panaderías, pastelerías e obradoiros.
Ambas as solucións serán presentadas pola empresa Unayta, unha consultora tecnolóxica especializada en comercio electrónico e dixitalización de arquivos. Para participar nestas actividades cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. No caso da sesión sobre JustBreadSoft tamén se retransmitirá por streaming, co que as persoas interesadas poderán seguila a través dun dispositivo con conexión a internet desde calquera punto de Galicia.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda o resto dos sectores empresariais galegos.
O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrar ás empresas e profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecer ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC ofrece ao sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos, servizos.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciada con fondos FEDER.