O CDTIC acollerá o 28 de maio un tour tecnolóxico que tratará os novos retos na xestión das comunicacións dunha empresa
A xornada “Aforro + Xestión + Alta dispoñibilidade é posible unificando as túas comunicacións” está organizada pola empresa galega CIE Tecnologías
Está destinada a directores xerais e responsables de departamentos de TIC ou de informática
A asistencia a estes cursos é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/es/cie-tecnologias
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá o día 28 de maio o curso “Aforro + Xestión + Alta dispoñibilidade é posible unificando as túas comunicacións” (https://cdtic.xunta.es/es/cie-tecnologias). A xornada, na que se realizará un percorrido por diferentes solucións tecnolóxicas dispoñibles para optimizar a xestión das comunicacións na empresa, impartirase en horario de 10.00 a 14.10 horas.
Os directores ou responsables de departamentos de TIC ou de informática asistentes recibirán formación sobre como enfrontarse aos novos retos que están a demandar as tecnoloxías da información cos novos conceptos como BYOD, CLOUD... tendo presente os termos invest, opex e capex para que os seus proxectos cheguen a materializarse.
O amplo programa da xornada inclúe catro charlas que se distribuirán ao longo da mañá. Na primeira delas falarase da oficina sen cables #GenMobile; a segunda estará dedicada á integración e a xestión de vídeo intelixente; a terceira, ás comunicacións unificadas; e, por último, explicarase como darlle intelixencia á rede xestionando a seguridade e o largo de banda. Ao final, permitirase unha rolda de preguntas sobre os temas tratados.
Dados os temas que se van tratar nesta actividade formativa, os principais destinatarios desta serán os directores xerais e os responsables dos departamentos de tecnoloxías da información ou de informática das empresas. Como as prazas son limitadas, cómpre que as persoas interesadas realicen a súa preinscrición na web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/es/cie-tecnologias. A asistencia á xornada é gratuíta.
CIE Tecnologías
A xornada está organizada por CIE Tecnologías, unha empresa galega con máis de 20 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías. Trátase dunha compañía que ofrece solucións de deseño e implementación de todo tipo de sistemas de comunicacións, baseadas na máis moderna tecnoloxía e infraestrutura de rede.
Xunto a esta empresa, colaborarán na xornada fabricantes líderes a nivel internacional en materias como as solucións sen fíos, os sistemas de CCTV-IP, as comunicacións unificadas e a seguridade ou xestión do largo de banda.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.