O CDTIC acollerá a primeira xornada técnica que se celebra en Galicia sobre Opennebula, unha alternativa en software libre para Cloud Computing
Celebrarase o 8 de outubro, organizada pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre, Agasol.
Será impartida polo enxeñeiro Jaime Melis, un dos creadores desta ferramenta e impulsor da comunidade OpenNebula.
Á inscrición é de balde a través de https://cdtic.xunta.es/opennebula.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) organiza o mércores día 8 de outubro, nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela, a xornada TechDay de OpenNebula (https://cdtic.xunta.es/opennebula).
Os OpenNebula Tech Days son xornadas formativas cuxo obxectivo principal é aprender a utilizar esta plataforma, unha alternativa en software libre para cloud computing, así como compartir historias e experiencias arredor do seu emprego. Estes encontros adoitan incluír prácticas coa instalación de OpenNebula, obradoiros sobre as súas aplicacións e presentacións dos membros da comunidade e as persoas usuarias.
Estas xornadas están dirixidas a perfís técnicos como arquitectos en computación na nube, administradores de centros de datos, administradores de sistemas, integradores de sistemas, desenvolvedores de arquitecturas e de solucións tecnolóxicas.
O programa da xornada comeza na mañá do día 8 de outubro cun obradoiro a cargo do enxeñeiro Jaime Melis, un dos creadores desta ferramenta e impulsor da comunidade creada ao redor deste produto. Melis achegará unha visión xeral sobre o funcionamento de OpenNebula para construír espazos propios na nube. Xa pola tarde, celebrarase un coloquio no que os participantes falarán dos temas que consideren de interese e que eles mesmos proporán nun ambiente informal con outras persoas interesadas.
Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol)
Agasol é unha iniciativa de empresas galegas de software libre para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores dun sector en fase expansiva en Galicia. Ademais, Agasol busca promover un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos.
A comunidade Open Nebula
OpenNebula é unha ferramenta de cloud computing de fonte aberta (baixo a licenza de Apache). Ademais de facilitar a construción de nubes privadas e públicas, OpenNebula permite a creación de nubes híbridas, que combinan unha infraestrutura de nube privada con una infraestrutura de nube pública.
Existe unha comunidade OpenNebula que está formada por individuos, equipos e organizacións que traballan para construír unha mellor tecnoloxía na nube de código aberto e que son os promotores destas xornadas TechDay de OpenNebula das que xa se teñen realizado varias edicións en diferentes partes do mundo.