O CDTIC acolle unha sesión de asesoramento sobre as axudas convocadas por Red.es para impulsar o comercio electrónico nas pemes

Venres 29 de Agosto de 2014

O CDTIC acolle unha sesión de asesoramento sobre as axudas convocadas por Red.es para impulsar o comercio electrónico nas pemes

A xornada, organizada polo Clúster TIC de Galicia, celebrarase o 3 de setembro.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/
Esta sesión será a primeira en ser transmitida por Streaming, para que poida ser seguida desde calquera lugar con conexión a Internet.

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá o día 3 de setembro unha sesión demostradora baixo o título “Trámites para a presentación das axudas de mentoring en comercio electrónico” (https://cdtic.xunta.es/tramites-mentoring) que se impartirá en horario de 12.00 a 13.30 horas e que está organizada polo Clúster TIC de Galicia.

O obxectivo desta sesión é explicarlles ás pemes galegas como poden acceder ás axudas convocadas pola entidade Red.es, dependente do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través do Programa de mentoring en comercio electrónico, e facilitarlles así os trámites de xestión que deben realizar. O programa conta coa colaboración das comunidades autónomas, que no caso particular de Galicia se fai a través da Amtega.

Os principais destinatarios desta actividade son, polo tanto, as pemes e tamén os traballadores autónomos de calquera sector, e as asociacións e os clústers empresariais.

O Clúster TIC de Galicia, como colaborador homologado por Red.es, é o encargado da organización desta xornada. A apertura da sesión correrá a cargo do seu presidente, Antonio Rodríguez del Corral. Tras el intervirán catro representantes de empresas asociadas ao Clúster: Modesto Pérez, de Aaccentia; Manuel Pan, de Abertal; Víctor López, de AVA Soluciones; e Alejandro Arce, de Visual Publinet. Os catro serán os encargados de explicar os trámites necesarios para que as pemes poidan solicitar as axudas de mentoring en comercio electrónico.

Primeira actividade retransmitida en streaming
Esta sesión, “Trámites para presentación de mentoring en comercio electrónico”, será a primeira das actividades que o CDTIC retransmita en streaming. Trátase dun novo servizo que o Centro puxo en marcha esta mesma semana para todas aquelas empresas e profesionais que non se poden desprazar a Santiago de Compostela e queiran seguir as actividades do CDTIC desde calquera lugar. Só precisan dispoñer dun dispositivo con conexión a internet.

Condicións das axudas
Red.es pon a disposición de cada peme unha axuda de ata 15.000 euros para desenvolver e fortalecer a capacidade para expandir e potenciar o seu negocio a través de novas canles de venda, adoptar unha estratexia comercial para comezar un proxecto de venda en liña, facilitar o seu posicionamento en internet e destacar a importancia dos aspectos operativos, técnicos, loxísticos e legais para garantir o éxito dunha tenda virtual.

O programa materialízase a través de dous lotes de axudas. O primeiro deles está destinado a recibir servizos de asesoramento especializados e individualizados en materia de comercio electrónico, a través da asesoría personalizada realizada por profesionais expertos do sector, homologados previamente por Red.es.

Un segundo lote destinarase á concesión de axudas para a implantación de solucións e servizos tecnolóxicos de comercio electrónico, que contribúan á comercialización dos produtos e prestacións do beneficiario a través de internet.

A contía total das axudas ascende a 18,06 millóns de euros. Galicia está entre as comunidades que poden solicitalas e o investimento específico para a nosa comunidade é de 630 000 euros, dos cales se estima que haberá uns 42 beneficiarios.

Pode encontrar máis información no seguinte enlace: http://perfilcontratante.red.es/perfilcontratante/busqueda/DetalleLicitacionesDefault.action?idLicitacion=447&visualizar=0.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.