O CDTIC aborda en dúas xornadas as claves para identificar solucións tecnolóxicas que se adapten ás necesidades da empresa
O seminario “Avaliación de proxectos libres para cubrir as necesidades TIC” impartirase os días 23 e 24 de setembro en horario de 16.00 a 20.00.
Esta actividade está destinada principalmente a directivos, responsables ou técnicos de empresas.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/.
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá os días 23 e 24 de setembro o seminario “Avaliación de proxectos libres para cubrir as necesidades TIC” (https://cdtic.xunta.es/avaliacion-proxectos-libres) que se impartirá no CDTIC Galicia en horario de 16.00 a 20.00 horas.
Ao longo destas dúas xornadas preténdese que os asistentes coñezan a importancia da elección dunha ferramenta TIC, xa que se trata dun proceso clave que ten un impacto directo no fluxo de traballo de calquera empresa e, nese sentido, pode supoñer unha importante mellora na súa produtividade. Así mesmo, resulta frecuente que se atenda, principalmente, a criterios funcionais e de custos cando se afronta esta tarefa, mais os proxectos de software libre, pola súa natureza, permiten facer análises máis completas, coas que se poden ter en conta novos criterios relativos á comunidade que está detrás destes.
Por estes motivos, o programa do seminario inclúe, entre outros temas, a identificación de proxectos libres que poden cubrir as necesidades do cliente e a análise da súa madurez. Ademais, explicaranse métricas e indicadores para a avaliación de proxectos en base á información pública e criterios de apoio á decisión tecnolóxica.
Este seminario está destinado a persoal directivo, responsable ou técnico das empresas. O encargado de impartilo será Pablo Sanxiao Roca, enxeñeiro técnico en Informática e socio fundador de iCarto, empresa especializada en tecnoloxías da información xeográfica Open Source.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.