O 98,4% da cidadanía galega xa ten acceso á historia clínica electrónica e á e-receita no seu centro de saúde
Actualmente, 443 centros de saúde dispoñen de acceso á historia clínica e receita electrónica
Tamén teñen e-receita 13 dos 14 hospitais do Sergas, e o de Burela disporá dela a partir do 25 de xaneiro
Na actualidade, 443 centros de saúde (92% do total), que cobren o 98,4% da poboación, dispoñen de acceso á historia clínica electrónica e á receita electrónica. Así o explicou esta mañá a directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Mª Nieves Domínguez González, quen sinalou que ao longo de próximas datas farase a incorporación progresiva do resto de centros nos que non hai imposibilidades técnicas, despois de realizar a formación dos profesionais no novo sistema.
A día de hoxe, indicou a directora, a porcentaxe de dispensación electrónica supera o 70% (con 210.000 diarias). Segundo dixo, dispensáronse xa máis de 40 millóns de receitas electrónicas. A directora lembrou así mesmo que en abril de 2009 –ao comezo da actual lexislatura- tan só estaban incluídos no proxecto de receita electrónica 26 centros de saúde e o 7% das farmacias; mentres que na actualidade son xa 1.358 oficinas de farmacia conectadas ao sistema, o 99,5% do total.
No que se refire ao uso da receita electrónica no eido da Atención Especializada, dos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde 13 xa dispoñen da e-receita, e só queda pendente da súa implantación o Hospital da Costa (Burela), que disporá desta tecnoloxía dende o próximo 25 de xaneiro.
Vantaxes da receita electrónica
Nieves Domínguez sinalou que a implantación da receita electrónica leva consigo importantes vantaxes, xa que, con este sistema, cando o médico introduza a prescrición electrónica dun tratamento crónico os pacientes poderán recoller directamente os seus medicamentos, presentando unicamente a súa tarxeta sanitaria na oficina de farmacia.
A receita electrónica permite, ademais, que o usuario non precise acudir ao centro de saúde cada vez que teña que solicitar novas receitas dos medicamentos xa prescritos. Isto implica importantes melloras na calidade asistencial, xa que diminúe o número de consultas para renovación de receitas nos centros de saúde, permitindo así ao médico dispoñer de máis tempo para o diagnóstico e tratamento.
Grazas a este avance, as consultas administrativas –aquelas ás que os usuarios acoden para recoller receitas- baixaron un 30%, o que “supón 1,5 millóns de citas menos para consultas administrativas”, sinalou.
Doutra banda, o sistema supón unha maior seguridade na prescrición, dispensación e uso dos medicamentos, xa que fomenta a comunicación entre médico e farmacéutico. Deste modo, a información que recolle a historia farmacoterapéutica é máis completa.
En definitiva, a receita electrónica facilita unha xestión máis eficiente dos recursos farmacoterapéuticos e asistenciais, posibilitando a contención do gasto farmacéutico, unha das principais liñas estratéxicas da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde.
Así mesmo, a directora de Asistencia Sanitaria avanzou que dende a última semana do ano 2010 a cidadanía galega ten acceso dende Internet a través do portal do Sergas (http://www.sergas.es) ao seu historial farmacoterapéutico e ao seu plan de dispensación, e ao custe que isto supón.
Con esta medida, a Administración sanitaria galega pretende concienciar aos galegos do custe do seu tratamento farmacolóxico e, tamén, facilitarlles unha información máis accesible do seu tratamento actual.
Grande investimento nas telecomunicacións
Domínguez, que estivo acompañada polo subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías de Información, Benigno Rosón Calvo, asegurou que tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde teñen realizado un gran investimento na súa rede de telecomunicacións e plataforma tecnolóxica para asegurar o éxito de todos os seus proxectos de tecnoloxías da información e comunicacións, incluído o de receita electrónica.
Polo tanto, na actualidade cóntase con oito centros de procesamento de datos: un central e sete nos centros hospitalarios das áreas sanitarias que actúan de nodos para o servizo dos centros da súa área de influencia. Os oito centros constitúen unha rede troncal de alta dispoñibilidade e capacidade replicada con dúas tecnoloxías distintas; e os centros de saúde conéctanse, á súa vez, a esa rede troncal tamén a través de dúas tecnoloxías distintas (ambas activas) para asegurar a máxima dispoñibilidade nas comunicacións.
Segundo a cobertura proporcionada polo operador, a provisión de servizos pode facerse por fibra óptica, cobre, radioenlace ou satelite, usando tecnoloxias de macrolan, punto a punto, ADSL, WIMAX ou LMDS. “Isto significa ter a 594 centros sanitarios de todo tipo conectados, e a inmensa maioría dos centros de saúde con acceso a historia clínica electrónica”, observou a directora.