O 62% das sedes xudiciais galegas contan con conexión a internet de 100 megas grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

Domingo 16 de Xuño de 2013

O 62% das sedes xudiciais galegas contan con conexión a internet de 100 megas grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica completou a implantación desta tecnoloxía punteira en 28 das sedes dos 45 partidos xudiciais da Comunidade

As Redes de Nova Xeración permiten un acceso ata dez veces máis rápido aos diferentes recursos na Rede e o acceso simultáneo de máis usuarios

A mellora da conectividade é un dos elementos chave no proceso de modernización da xustiza que se está a desenvolver a través do Plan Senda da Administración autonómica

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) posibilitou o acceso a redes de nova xeración con 100 Mbps de velocidade en 28 edificios das 45 sedes xudiciais existentes nas catro provincias galegas. Na provincia da Coruña dispoñen desta conectividade o 64% das sedes xudiciais, en Pontevedra o 84%, en Ourense, un 33% e en Lugo un 22%.

A mellora destas infraestruturas de telecomunicación posibilita, ademais do incremento da velocidade de conexión, o acceso simultáneo dun maior número de usuarios e a posibilidade de traballar cun maior número de aplicacións informáticas. 

Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e avanzar na modernización da xustiza con iniciativas como o Plan Senda para introducir as TIC no eido xudicial galego.

A mellora da conectividade dos xulgados é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.

A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito os empregados dos xulgados poderá ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; poderán conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permitirá o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.

Plan Senda

A través do Plan Senda para a integración das TIC na Xustiza, a Xunta leva investidos 13,7 millóns de euros no período 2009-2012.

As medidas do Plan abranguen a mellora das infraestruturas de telecomunicacións das sedes xudiciais, a implantación e actualización dos sistemas de información como Lexnet, Minerva ou Fortuny, a formación de axentes xudiciais e a renovación e implantación de equipamento tecnolóxico que está a permitir a dixitalización dos trámites administrativos, evitando o uso do papel e aforrando desprazamentos.

Plan de Banda Larga

Para o desenvolvemento de iniciativas como o Plan Senda e para a integración das TIC en todos os ámbitos administrativos é fundamental contar con infraestruturas de telecomunicacións adecuadas. Por iso, a Xunta puxo en marcha o Plan de Banda Larga 2010-2013, que posibilitará que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade que lles permita integrarse de xeito efectivo na sociedade da información. 

Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps. O obxectivo final desta actuación é darlle cobertura a máis de 1 millón de habitantes con estas redes punteiras, que permiten fornecer servizos innovadores, mellorar a calidade ofrecida ao cliente e adaptarse máis rapidamente ás novas Tecnoloxías da Información e Comunicación.