O 23 de maio o CDTIC celebra un curso para persoal directivo de empresas TIC sobre a creación e comercialización de produtos en Software Libre

Sábado 17 de Maio de 2014

O 23 de maio o CDTIC celebra un curso para persoal directivo de empresas TIC sobre a creación e comercialización de produtos en Software Libre

É a segunda das catro actividades de formación específica para persoal directivo que se están a impartir desde o pasado 8 de maio e ata o 6 de xuño.

A asistencia a estes cursos é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá o día 23 de maio o seminario “Creación, desenvolvemento e comercialización de produtos TIC en software libre” (https://cdtic.xunta.es/comercializacion-software-libre) que se impartirá en horario de 12.00 a 14.00 horas.

É o segundo curso das catro actividades de formación específica para persoal directivo das empresas TIC galegas, que se están a impartir no Centro todos os xoves e venres desde o pasado 8 de maio e ata o 6 de xuño. A asistencia é gratuíta e cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/), xa que as prazas son limitadas.

Obxectivos do seminario
No programa desta actividade formativa prevese mostrar como incorporar o código aberto no produto e como licencialo, e diversos aspectos relacionados co software libre, como quen o emprega para crear produtos TIC ou os modelos de negocio.

O enxeñeiro José María Casanova Crespo será o encargado de impartir este seminario, que ten como obxectivos dar a coñecer as vantaxes e obrigas para poder integrar compoñentes de software libre no desenvolvemento do produto; comprender as dinámicas e o modelo de negocio baseado na colaboración no universo do open source; e identificar boas prácticas para xestionar a propiedade intelectual implicada na construción dun produto TIC.

A xornada está especialmente deseñado para persoal directivo, responsables ou técnicos de empresas do sector TIC.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.