O 20% das empresas xa presentan as ofertas de forma telemática tras por en marcha a Xunta o sistema de licitación electrónica
O director do CIXTEC, que presidiu hoxe a primeira mesa na que se presentaron ofertas mediante o novo sistema, cualificou de “boa” a resposta das empresas
O SILEX vaise pór en funcionamento de forma consecutiva nas distintas consellerías, de acordo co plan elaborado
Este sistema ofrece as máximas garantías de confidencialidade e seguridade para as empresas
Facenda dá un paso máis no obxectivo de acadar unha Administración máis áxil, eficiente, moderna e próxima á nova realidade das empresas
Logo da posta en marcha por parte da Consellería de Facenda do Sistema de Licitación Electrónica (SILEX), un 20% do total das ofertas empresariais xa foron presentadas de forma telemática, segundo sinalou hoxe o director xeral do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico –Financeira e Contable (CIXTEC), Mauro Fernández Dabouza.
O titular do CIXTEC, que presidiu hoxe en Santiago a primeira mesa para realizar contratacións que inclúen xa a presentación de ofertas mediante o SILEX, cualificou de “boa” a resposta das empresas aos cinco primeiros expedientes que saíron a licitación.
En concreto, manifestou que se acadaron as seguintes porcentaxes de participación por medios telemáticos: No Sistema de Información Contable, un 33,3% das ofertas; no Sistema de Información Tributario, un 50% das ofertas; e no Sistema de Información de Recursos Humanos, un 20%. Tan só nos Sistemas de Información de Nómina e de Xestión de Inventario de Patrimonio aínda non se presentaron ofertas por estes medios.
Tendo en conta as ofertas no seu conxunto, aclarou Fernández Dabouza que un 20% das mesmas se presentaron empregando o Sistema de Licitación Electrónica. O SILEX representa a un paso máis dado polo departamento que dirixe Marta Fernández Currás na liña xa trazada polo goberno da Xunta de Galicia para acadar unha Administración máis áxil, eficiente, moderna e próxima á nova realidade das empresas e dos cidadáns e así acadar unha Administración Electrónica plena.
De igual forma que xa se fixo co Sistema de Facturación Electrónica, o SILEX vaise pór en funcionamento de forma consecutiva nas distintas consellerías da Xunta de Galicia de acordo co plan que xa está elaborado.
Novos pasos
O funcionamento de dito sistema principiou no CIXTEC, coa posta en marcha dos cinco primeiros expedientes mencionados anteriormente e neste intre xa están a licitarse outros dous máis con posibilidade de presentación telemática de ofertas. Posteriormente, seguirase coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para, de seguido, continuar cos expedientes relativos a Tecnoloxías de Información do resto das consellerías hasta estender o sistema a totalidade dos procedementos de contratación da Xunta de Galicia.
Austeridade, competitividade e modernización
Esta iniciativa da Consellería de Facenda vai tamén en liña cos obxectivos de austeridade e de aforro marcados ao inicio da lexislatura, xa que se vai acadar unha maior competitividade das empresas que presentan ofertas aos procedementos públicos de contratación.
Ademais, coa Licitación Electrónica tamén se dá un paso importante na modernización dos procesos administrativos, por canto se automatizan unha parte significativa dos mesmos, o que suporá unha maior axilidade da Administración, sen esquecerse do importante aforro que a medida supón en papel e no seu arquivo.
Seguridade e confidencialidade
Para garantir que non se discrimina a ningunha empresa, así como para garantir a libre concorrencia e polo tanto acadar unha maior competitividade, as empresas que así o desexen poderán optar por presentar as súas ofertas en formato electrónico ou na forma tradicional en papel como viñan facendo ata o de agora.
Ademais, o sistema conta coas máximas garantías de confidencialidade e seguridade para as empresas xa que garante o principio de segredo das ofertas ata o momento da súa apertura nas correspondentes mesas de contratación. Así, as empresas poden realizar nos seus propios computadores todo o proceso de elaboración de ofertas e só no momento en que deciden presentalas se transmiten os datos ao Sistema Electrónico de Facturación. Isto garante que a Administración non ten no seu poder ningún dato ata que se produce o acto formal de presentación da oferta, como ocorre cando se presenta unha oferta en formato papel.
O principio de segredo conséguese mediante a fragmentación e cifrado das ofertas de forma electrónica coa clave pública dos certificados dos membros da mesa de contratación e só se poderán recompoñer ditos fragmentos no mesmo intre de celebración das mesas públicas de contratación coa utilización conxunta dos certificados privados de dous ou máis membros da referida mesa.
Os requisitos que deben cumprir as empresas para participar nestes procesos son sinxelos: estar dadas de alta no Rexistro de Contratistas da Comunidade Autónoma e dispoñer dun certificado electrónico. O sistema permite empregar a maioría dos certificados existentes no país (D.N.I. Electrónico, Fábrica Nacional de la Moneda y Timbre -FNMT 2CA- , AC Camerfirma e Agencia Notarial de Certificación).