O 10 por cento das descargas actuais da aplicación de parques naturais de Galicia realizáronse durante a celebración de Fitur

Venres 27 de Xaneiro de 2017

O 10 por cento das descargas actuais da aplicación de parques naturais de Galicia realizáronse durante a celebración de Fitur

Dende o 18 ata o 22 de xaneiro rexistráronse case 1.000 descargas desta ferramenta con información sobre os parques naturais da Comunidade galega
A aplicación para dispositivos móbiles incluirá proximamente información relacionada cos espazos naturais protexidos da Comunidade
Ademais, en colaboración coa Amtega, habilitouse a primeira plataforma web da Rede de Parques (parquesnaturais.xunta.gal), que detalla os valores e recursos dos espazos para gozar e sacar o máximo proveito da visita

A aplicación para dispositivos móbiles sobre os parques naturais de Galicia posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rexistrou preto de 1.000 descargas durante a celebración da Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid, os pasados 18, 19, 20, 21 e 22 de xaneiro. Na actualidade, esta aplicación leva contabilizadas un total de 9.189 descargas entre os sistemas App Store e Android. É dicir, un 10 por cento das descargas realizadas ata o momento realizáronse durante a celebración de Fitur, onde a Consellería de Medio Ambiente presentou o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, así como a nova imaxe e marca Galicia, natural e única.

En Fitur, o persoal do posto de Galicia deu a coñecer entre os asistentes as vantaxes da aplicación, que cun só clic mostra información completa e actualizada sobre os valores, recursos, situación, servizos, rutas e áreas de influencia dos parques naturais galegos.

A aplicación ampliarase proximamente con información relacionada co conxunto de espazos protexidos da Comunidade galega. Na era das novas tecnoloxías e das redes sociais, o patrimonio natural non pode quedar atrás, así, o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que presentou a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, en Fitur, recolle, ademais, a posta en marcha da primeira plataforma web da Rede de Parques en Galicia. Este sitio web (parquesnaturais.xunta.gal) quere ofrecer aos visitantes dos parques toda a información necesaria para gozar e sacar o máximo proveito á súa visita. Datos sobre a xeolocalización dos espazos, os servizos dispoñibles e rutas son algúns dos valores da plataforma coa que se pretende enriquecer a experiencia das persoas que visitan os parques.

O Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia xira arredor de tres eixes de actuación, que van dende a valorización dos espazos naturais, a súa promoción e divulgación e a educación ambiental.

Outra das novidades do plan é a “compostela dos Parques Naturais”, un pasaporte natural, que se invita aos visitantes de cada espazo a coñecer os outros parques naturais de Galicia e selar en cada un deles a páxina correspondente ata cubrir integramente o pasaporte.