Nos últimos tres anos a Xunta cuadriplicou a velcocidade media de conexión a internet dos centros educativos galegos
No 2009 o ancho de banda medio situábase nos 5,6 Mbps fronte aos 20,5 Mbps a día de hoxe
Reducíronse nun 90% o número de conexións inferiores a 1 Mbps e o 20% dos centros dispoñen de conexións superiores a 10 Mbps
Preto de 200 centros contan con redes de 100Mbps que facilitan acceso ata dez veces máis rápido aos diferentes recursos e o acceso simultáneo de máis usuarios
As actuacións previstas no Plan de Banda Larga permitirán continuar a mellorar a conectividade dos centros educativos da Comunidade
A Xunta de Galicia, a través do Plan de Banda Larga da Xunta, está a realizar un amplo despregamento de infraestruturas de telecomunicacións para dotar de cobertura a toda a poboación e mellorar a conectividade dos centros educativos e administrativos da Comunidade.
No caso dos centros de ensino, dependentes da Administración autonómica, as actuacións desenvolvidas no marco do Plan xunto coas melloras na Rede Corporativa da Xunta permitiron multiplicar por catro a velocidade media de conexión. Así en 2009 a velocidade media situábase en 5,6 Mbps fronte aos 20,5 Mbps de hoxe.
Ademais, conseguíronse reducir nun 90% o número de conexións inferiores a 1 Mbps pasando das 140 existentes en 2009 a 16 en 2012. Tamén se incrementaron un 9% as conexións superiores a 2 Mbps, que supoñen máis do 90% das existentes no total de centros dependentes da Administración. Deste 90%, preto do 70% corresponden a redes de entre 2 e 8 Mbps de velocidade, o 20% son conexións superiores a 10Mpbs e máis dun 15% corresponden a redes de 100Mbps. O obxectivo da Administración é continuar a mellorar a conectividade dos centros para garantir un acceso de calidade á rede nas mellores condicións.
Centros con redes NGAs
A día de hoxe son preto de 200 os centros educativos que dispoñen de conexión a Internet a través de redes NGAs con velocidade de 100Mpbs, que permiten multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito, o alumnado pode ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; poden conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permiten o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.
Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e de colocar á comunidade educativa na vangarda do progreso, con proxectos como ABALAR para integrar as TIC no sistema educativo.
Esta mellora da conectividade dos centros educativos é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.
Plan de Banda Larga
Para o desenvolvemento de proxectos como ABALAR e para a integración das TIC en todos o ámbitos administrativos é fundamental contar infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, a Xunta puxo en marcha ano o Plan de Banda Larga 2010-2013, que está a posibilitar que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade que lles permita integrarse de xeito efectivo na sociedade da información.
Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps. O obxectivo final desta actuación é darlle cobertura a máis de 1 millón de habitantes con estas redes punteiras. Ademais o Plan dotou de cobertura a máis de 583.00 galegos que carecían deste servizo en 2009.