No último ano preto de 3.000 profesionais da xustiza se beneficiaron dos 325 cursos de formación impartidos pola Xunta no marco do Plan Senda

Sábado 08 de Outubro de 2011

No último ano preto de 3.000 profesionais da xustiza se beneficiaron dos 325 cursos de formación impartidos pola Xunta no marco do Plan Senda

O obxectivo é capacitar aos usuarios nos novos sistemas de información e nos novos avances tecnolóxicos no ámbito xudicial

A formación centrouse nas aplicacións para a xestión procesual Minerva Nox, Fortuny, Lexnet, no sistema de Rexistro Civil en liña Inforreg e nos sistemas audiovisuais de gravación de vistas e videoconferencias

Para o último trimestre do ano están convocados outros 87 cursos para preto de 750 usuarios

Estas actividades forman parte dun proceso formativo no ámbito TIC por parte da Xunta que ten vocación de continuidade, como se recolle nas liñas de actuación do Plan Senda 2014

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica,  impartiu entre outubro de 2010 e setembro de 2011 un total de 325 cursos nos que participaron 2.296 profesionais de diferentes colectivos xudiciais das catro provincias galegas. Este proceso de formación é unha das liñas estratéxicas do Plan Senda 2014 para a modernización da Xustiza, xa que é o piar fundamental para lograr a adaptación dos usuarios aos novos sistemas de información e a implantación de novos avances tecnolóxicos no ámbito xudicial.

A formación no último ano centrouse nas aplicacións para a xestión procesual Minerva Nox, Fortuny, Lexnet, no sistema de rexistro civil Inforreg e nos sistemas audiovisuais, tanto de gravación de vistas como de videoconferencias.

A esta formación hai que engadir a organizada pola  Escola Galega de Administración Pública, que este ano impartiu 380 horas de formación en tecnoloxía informática e de telecomunicacións nas que participaron 405 profesionais da xustiza. Isto supuxo que no ano 2011 se incrementaron nun 12% as horas e máis dun 5 % as prazas para formación TIC en Xustiza da EGAP.

Minerva Nox
Tras a implantación do sistema de xestión procesual Minerva Nox en 2010 continuouse co plan de formación iniciado o ano pasado orientado aos funcionarios do corpo de Xestión e Tramitación así como xuíces, fiscais e secretarios xudiciais. Desde outubro de 2010 ata setembro de 2011 desenvolvéronse 238 cursos de formación nos que participaron un total de 1.373 usuarios dos órganos xudiciais das sete grandes cidades galegas, e de 18 vilas das catro provincias.

Actualmente, xa están convocados máis de 300 usuarios para 50 cursos e a previsión e formar aos preto de 2.000 profesionais que empregan a aplicación Minerva NOX.

Fortuny 
Durante 2010 iniciouse a formación no sistema de xestión das fiscalías Fortuny. Esta aplicación facilita e  axiliza  a tramitación de procedementos, dilixencias e expedientes. Os perfís de usuario que traballan con Fortuny corresponden a fiscais, corpos de Xestión, Tramitación e Auxilio Xudicial das fiscalías. Un total de 221 fiscais e usuarios avanzados do corpo de Xestión e Tramitación recibiron esta formación nos 32 cursos que se celebraron no último ano.

Lexnet
A aplicación Lexnet permite o intercambio seguro de información a través da vía telemática entre xulgados, procuradores e avogados, promovendo a identificación dixital e a sinatura electrónica dos profesionais ademais de reducir os tempos de tramitación e resposta contribuíndo á eliminación da notificación en papel.

Os colectivos que empregan Lexnet inclúen non só a procuradores e avogados senón tamén a secretarios xudiciais, xestores, tramitadores, auxiliares e perfís de administradores do Colexio de Procuradores.  Desde outubro de 2010 impartíronse 55 cursos para 702 usuarios do corpo de Xestión e Tramitación en distintas sedes xudiciais de Santiago, A Coruña e Ferrol. Están convocados outros 37 cursos para 418 usuarios.

Inforeg
Durante 2011 continuouse coa formación na aplicación de Rexistro Civil en Lina (Inforeg) co a impartición de 86 cursos dirixidos aos xuíces e secretarios dos  Xulgados de Paz de Galicia. O proceso consistiu nun curso de capacitación inicial así como de sucesivas actuacións de reforzo para os usuarios que así o solicitaron co obxecto de acadar a súa plena incorporación á aplicación.

O sistema Inforeg permite realizar de xeito centralizado a inscrición e certificación de nacementos, matrimonios, defuncións e tutelas nos 45 Rexistros Civís Municipais e nos 270 Xulgados de Paz repartidos por toda Galicia.

Formación en sistemas audiovisuais
A introdución nas salas xudiciais de sistemas de gravación e videoconferencia fixo necesaria a definición dun plan específico de capacitación dos usuarios dos sistemas audiovisuais e do persoal de soporte técnico no manexo dos mesmos. Esta formación estivo dirixida aos secretarios e axentes xudiciais das salas onde se implantaron estes sistemas. Foron en total 29 cursos dos que se beneficiaron preto de 150 usuarios.