Nava Castro recalca a importancia do uso das novas tecnoloxías para a difusión da oferta turística galega e para a adaptación aos novos segmentos especializados de público

Mércores 12 de Marzo de 2014

Nava Castro recalca a importancia do uso das novas tecnoloxías para a difusión da oferta turística galega e para a adaptación aos novos segmentos especializados de público

A Illa da Toxa acolleu hoxe a presentación do novo material promocional orientado aos mercados internacionais da Mancomunidade do Salnés, desenvolvido coa colaboración de Turismo de Galicia

Unha nova aplicación para teléfonos e dispositivos intelixentes así como unha guía turística e vídeos específicos do destino, ambas desenvolvidas en inglés, alemán, ruso e castelán conforman as accións de promoción para a difusión dos recursos e produtos turísticos da zona e para a súa introdución nos mercados turísticos emerxentes

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez interveu hoxe no acto de presentación do material promocional dirixido aos mercados internacionais desenvolvido pola Mancomunidade do Salnés coa colaboración de Turismo de Galicia.

A Mancomunidade presentou unha nova aplicación para teléfonos intelixentes e mais unha guía turística cos principais recursos da zona así como do destino Galicia, en xeral, ademais de vídeos específicos para os mercados internacionais. O material está dispoñible en inglés, alemán, ruso e castelán e ten por obxectivo a difusión das singularidades do destino Galicia e da comarca do Salnés nos mercados turísticos emerxentes.

A este respecto, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recalcou que o traballo da Administración turística galega na busca da excelencia turística da comunidade é posible grazas á colaboración no desenvolvemento de actuacións específicas para mellorar a calidade da experiencia turística dos viaxeiros. Así, segundo matizou, o traballo da man do sector turístico, das administracións locais, das entidades, organizacións e asociacións frutifica en actuacións como as que hoxe se presentan e que implican un paso adiante na innovación, na especialización e na adaptación a un cliente cada vez máis esixente.

Segundo comentou a directora de Turismo, coa nova aplicación para teléfonos intelixentes Iphone e Android a información sobre os principais recursos da nosa comunidade como destino turístico e do Salnés , en particular, estarán “accesibles para os mercados alemán, inglés, ruso e nacional de xeito sintético, moderno, atractivo e tecnoloxicamente adaptados á realidade”.

A información sobre as praias, as illas con encanto, o patrimonio, a gastronomía, as festas a saúde e o lecer, as compras, etc. está accesible a través do soporte electrónico e a través da guía turística ‘Conoce España, descubre Galicia’ que conta cun deseño actual e unha imaxe gráfica atractiva e fresca.

Nava Castro recalcou tamén que o Salnés aposta pola calidade e pola internacionalización dos recursos e produtos turísticos. Así, a náutica, o termalismo, o patrimonio, a enogastronomía ou o turismo de costa “sitúan ao destino nas primeiras posicións dos atractivos turísticos da nosa comunidade.” Segundo dixo, a difusión destes novos modos de adentrarse no territorio a través dos novos medios é “fundamental para promover unha imaxe do destino Galicia baseada na ‘multiexperiencia’ turística”.

Nava Castro incidiu tamén en que Galicia é un destino cada vez máis atractivo para os novos mercados e para os mercados emerxentes. No conxunto da oferta regrada, o turismo internacional subiu en 2013 un 10,1% en cifra de viaxeiros e un 6,4% no tocante ás pernoitas. Segundo apuntou, o mercado internacional acada cotas do 24,1% no total de viaxeiros aloxados e do 20% das pernoitas rexistradas. Acádase así o máximo histórico de viaxeiros internacionais aloxados en Galicia, con 913.000 en todo o 2013.

E recalcou que “a innovación en materia turística é fundamental para manter o destino vivo, en constante cambio e adaptación aos viaxeiros, que precisan un acceso rápido e sinxelo á información fundamental para programar as súas estadías”.

Plan Integral de Turismo
Turismo de Galicia, a través do Plan Integral de Turismo contempla como un dos retos para o turismo na comunidade o afianzamento dun sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador e coordinado, con visión internacional. A directora de Turismo destacou que o seu departamento traballa a través da innovación e o emprego das novas tecnoloxías nos procesos de articulación, promoción, comercialización e xestión, en liña coa Estratexia Galega de Especialización Intelixente como estratexia de competitividade baseada no coñecemento.

De igual modo, comentou que unha das seis liñas estratéxicas nas que se divide o Plan Integral de Turismo de Galicia é a orientada ao fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente. “Así, impulsamos melloras na xestión e na innovación do sector, como o desenvolvemento da Plataforma Tecnolóxica de Turismo de Galicia: Smart Turismo ou o impulso á creación de destinos intelixentes: Smart Destinations”.

De igual xeito, incidiu en que a tecnoloxía está presente tamén noutras liñas de acción como a que impulsa o Camiño como eixe vertebrador da oferta turística de Galicia a través da creación do Smart Camiño.

A directora de Turismo de Galicia destacou a aposta polas novas tecnoloxías da información e da comunicación para facer avanzar o sector turístico galego e para incrementar a cota de competitividade nos mercados internacionais.