Modernización subvenciona con 30.000 € tres liñas de acción de Agasol para o fomento do software libre entre as pemes galegas

Luns 16 de Agosto de 2010

Modernización subvenciona con 30.000 € tres liñas de acción de Agasol para o fomento do software libre entre as pemes galegas

O acordo enmárcase no Plan Operativo 2010 en Materia de Software Libre e de Fontes Abertas da Xunta para promover o seu uso na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre creará un catálogo de servizos integrais paras as pemes, organizando xornadas de promoción do Floss e a traducindo ao galego o aplicativo de comercio electrónico Magento.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica achegará a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) 30.000 euros para a realización de actuacións orientadas a promover un maior uso do software libre e de fontes abertas (FLOSS) entre as pemes, micropemes e autónomos galegos.

Grazas ao convenio de colaboración subscrito entre ambas as dúas partes, Agasol desenvolverá tres liñas de actuación para a promoción do software libre na contorna empresarial galega creando un catálogo de servizos integrais paras as pemes, organizando xornadas de promoción do Floss e a traducindo ao galego o aplicativo de comercio electrónico Magento.

Liñas de actuación
Agasol creará un Catálogo de Servizos Integrais para as Pemes co obxectivo de que as pequenas e medianas empresas galegas poidan coñecer, dun xeito moi gráfico e visual as diferentes ferramentas TIC baseadas en software libre que existen hoxe en día e que poden facilitar os seus procedementos de xestión, funcionamento e difusión da súa actividade.

O acordo contempla tamén a organización dunhas Xornadas de Promoción de Software Libre para Pemes, nas que se informará sobre aqueles produtos e casos de éxito de utilización do Floss en pequenas e medianas empresas que contribuiron á mellora da produtividade a través da utilización desta tecnoloxía.

Outra liña de actuación é a tradución ao galego do aplicativo de comercio electrónico Magento, unha ferramenta Floss que proporciona un aspecto gráfico actual e vistoso ademais dunha xestión e mantemento doados para aquelas empresas que desexen levar á Internet o seu catálogo comercial. O comercio electrónico supón, a día de hoxe, unha oportunidade para as empresas na comercialización dos seus produtos. Esta modalidade de venda permite superar as barreiras horarias e as limitacións especiais nos procesos de compra.

Plan Operativo 2010
Este convenio enmárcase no Plan Operativo 2010 en materia de Software Libre e de Fontes Abertas, dotado con 800.000 euros, e que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica presentou o pasado mes de abril ás asociacións de usuarios e empresas de software libre galegas. O plan contempla 21 accións que desenvolverá a propia Administración autonómica e outras 60 en colaboración coas asociacións de usuarios, empresas de software libre e as tres universidades para promover o uso do FLOSS na Administración, na cidadanía e nas empresas galegas.

O Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas estrutúrase en torno a tres liñas de atuación: impulsar unha oferta de solucións baseadas en Floss de calidade, facendo fincapé en dar resposta a sectores estratéxicos; promover a implantación efectiva dos estándares abertos, que permitan a coexistencia con aplicativos de software propietario e fortalecer os mecanismos de formación e difusión dos modelos de software libre e fontes abertas e as súas vantaxes competitivas.

As accións do plan estanse a iniciar no 2010 e teñen percorrido en anos sucesivos, enmarcadas nas liñas de traballo da 2014 Axenda Dixital de Galicia. Estas actuacións están catalogadas segundo as liñas xerais tratadas inicialmente na reunión mantida o 30 de xullo de 2009 cos axentes implicados e desenvolvidas en xuntanzas posteriores, nas que se definiron as áreas de interese e iniciativas a impulsar nesta materia.