Modernización subvenciona con 2,9 millóns de euros proxectos tecnolóxicos abordados desde a cooperación empresarial
Están destinadas a empresas e asociacións empresariais de calquera sector económico e ás específicas do sector TIC
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica abre unha convocatoria de axudas para que empresas e asociacións empresariais de calquera sector económico e as específicas do sector TIC presenten proxectos de carácter tecnolóxico en réxime de cooperación. Así se recolle nunha resolución que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.
Convocatoria para empresa dixital
No marco do programa de Axudas para o desenvolvemento da sociedade da información, o departamento que dirixe Mar Pereira, destina este ano 2.900.000 euros a subvencionar proxectos de cooperación para o fomento da empresa dixital. As iniciativas que se presenten deberán abordarse desde a cooperación entre empresas e contar cun único promotor que lidere o proxecto demandando novos produtos e servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e, a lo menos, cun socio tecnolóxico con capacidade para prestar eses servizos ou produtos. A tarefa de promoción ou liderado pode ser asumida por empresas ou asociacións empresariais e tamén deberán permitir que os socios tecnolóxicos poidan aplicar o coñecemento acadado a outros interesados do mesmo ou distintos sectores económicos.
A convocatoria de axudas dúas liñas de axuda, tanto para a demanda empresarial en solucións TIC como para a resposta tecnolóxica en solucións TIC. A primeira opción está orientada para que as empresas e asociacións empresariais de calquera sector económico poidan identificar tarefas, problemas e situacións concretas da súa actividade empresarial que necesitan novos produtos e servizos tecnolóxicos. No segundo caso, as subvencións para solucións TIC está destinada a empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación para que poidan poñer en marcha novos produtos e servizos que resolvan tarefas, problemas e situacións concretas da actividade empresarial da entidade líder do proxecto de cooperación.
Prazo
A concesión destas axudas, que contan co financiamento do 80% do Fondo de Desenvolvemento Rexional FEDER, realizarase en réxime de concorrencia competitiva. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante. Pódese acceder A documentación sobre a convocatoria de axudas na páxina web da secretaría http://imit.xunta.es, no apartado “Axudas” e na páxina web da Xunta www.xunta.es, a través do enlace do Diario Oficial de Galicia.