Modernización subvenciona con 2,5 millóns de euros 62 novos proxectos promovidos por empresas do sector TIC galego
O departamento autonómico achega 1,9 millóns de euros para desenvolver 50 iniciativas tecnolóxicas orientadas a conseguir avances na eficiencia enerxética, na TDT ou novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, a loxística e ao sector marítimo
Financiaranse con 580.000 euros outros 12 proxectos TIC centrados no ámbito sociosanitario, educativo e na mellora de servizos electrónicos para a cidadanía
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano un total de 2.544.000 euros a subvencionar 62 novos proxectos innovadores impulsados por empresas do sector TIC galego. Así se recolle na resolución dunha orde de axudas, que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia.
O obxectivo destas axudas é contribuír ao impulso de proxectos innovadores por parte do sector tecnolóxico galego. Con este fin, o departamento que dirixe Mar Pereira convocou o pasado mes de marzo dúas liñas de axuda, unha orientada á creación de novos produtos e servizos tecnolóxicos por parte das empresas TIC ou novas versións de produtos xa desenvolvidos ou comercializados con anterioridade. A segunda liña de axudas estaba orientada a subvencionar a elaboración de produtos ou prestacións que melloren servizos de interese xeral para os cidadáns.
Produtos e servizos TIC
O departamento autonómico resolveu financiar con 1.963.600 euros 50 iniciativas que encaixan nalgunha das seguintes áreas: converxencia e accesibilidade IP, orientados á converxencia entre a telefonía fixa/móbil e Internet así como solucións que fomenten o acceso a Internet de calidade desde calquera dispositivo distinto de móbil ou ordenador; mobilidade, localización e GIS (sistemas de información xeográfica); avance na TDT; eficiencia enerxética; mellora do fogar dixital; novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, loxística ou sector marítimo que aumenten a eficiencia e seguridade ou acaden unha integración entre outras tecnoloxías.
Mellorar servizos de interese xeral
Por outra banda a Secretaría xeral achegará 580.900 euros a subvencionar 12 proxectos orientados a mellorar as actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC como: servizos sociosanitarios, desenvolvendo aplicacións para a prestación e xestión de actuacións, especialmente as relacionadas coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.); a educación, mediante ferramentas de creación de contidos dixitais, plataformas de aprendizaxe on-line, plataformas de control do alumnado na aula, ou outros ámbitos de servizos electrónicos de interese xeral, non necesariamente vencellados á Administración.
A concesión destas axudas contan co financiamento do 80% do Fondo de Desenvolvemento Rexional FEDER, e realizáronse en réxime de concorrencia competitiva.