Modernización e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación poñen en marcha un plan de formación dirixido aos técnicos municipais de urbanismo e novas tecnoloxías dos 315 concellos galegos
O obxectivo das xornadas é capacitar a estes profesionais na tramitación das licencias municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación
Comezarán o 27 de setembro e rematarán o 25 de outubro
A duración de cada curso será de catro horas establecidas e desenvolveranse nas aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT)
Coa documentación xerada crearase un manual de referencia para os concellos galegos que aglutine todo o necesario para unha axeitada tramitación destes permisos
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poñen en marcha o vindeiro 27 de setembro unha serie de xornadas formativas destinadas aos técnicos municipais e responsables dos gobernos locais con competencias en materia de urbanismo e novas tecnoloxías dos 315 concellos galegos.
O obxectivo destas accións formativas é capacitar a estes profesionais na tramitación das licencias municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, tanto no relativo ás urbanísticas como ás de nova apertura ou funcionamento.
Esta iniciativa enmárcase nun convenio asinado entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira, e o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, no que ademais se contempla o fomento das Telecomunicacións e da Sociedade da Información a través de outras accións como a promoción de proxectos innovadores no eido das TIC en Galicia.
Xornadas formativas
En total serán 20 xornadas formativas, repartidas por toda a Comunidade galega e que se celebrarán nas aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT). As primeiras xornadas terán lugar o 27 de setembro nas aulas CeMIT de Arzúa, A Fonsagrada e Allariz e desenvolveranse no resto da Comunidade ata o 25 de outubro.
A duración de cada xornada será de catro horas en horario de catro a oito da tarde e estarán dirixidas por Enxeñeiros de Telecomunicación con gran experiencia neste campo e pertencentes ao COETG.
Nas clases explicaranse as distintas disciplinas implicadas na tramitación de licenzas municipais para a instalación de antenas, dende a normativa vixente en materia de telecomunicacións ou ambiental, a aplicación do Código de boas prácticas e ordenanza tipo aprobada pola Comisión Sectorial para o Despregue de Infraestruturas de Radiocomunicación (CSDIR) ata aspectos relativos á seguridade e saúde así como as diferentes tecnoloxías dispoñibles na actualidade.
Cara a estandarización dos procedementos TIC nos 315 concellos galegos
A iniciativa xurdiu ademais coa vocación de que ao rematar as xornadas a documentación xerada se converta nun manual de referencia para os concellos galegos. Un compendio documental que aglutine todo o necesario para unha axeitada tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, poñendo a disposición dos técnicos municipais a ampla bagaxe de coñecementos tecnolóxicos dos relatores pertencentes o COETG.
Ao final de cada curso, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia realizará entre os participantes unhas enquisas de satisfacción cunha análise dos resultados coas súas conclusións, coa finalidade de determinar a necesidade de desenvolver accións futuras no campo das TIC.
Xúntase calendario dos cursos
