Modernización e a asociación Puntogal reuníronse para ultimar a presentación da candidatura deste dominio en internet o 13 de xaneiro

Martes 06 de Decembro de 2011

Modernización e a asociación Puntogal reuníronse para ultimar a presentación da candidatura deste dominio en internet o 13 de xaneiro

Baixo o ”.gal” poderán rexistrarse aquelas entidades, empresas ou persoas que se expresen en lingua galega e contribúan ao fomento da nosa cultura

A Xunta, a través Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, vén financiando a través de diferentes convenios de colaboración as actividades da Asociación PuntoGal para impulsar o dominio .”gal” en Internet. Dentro desta liña de cooperación os representantes da Asociación mantiveron unha xuntanza coa secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, de cara a inminente presentación da candidatura de .gal o vindeiro 13 de xaneiro.

A Asociación PuntoGal, constituída co obxectivo de conseguir a creación do dominio “.gal” en Internet, vén realizando nos últimos anos todos os trámites precisos para acadar este obxectivo ante o organismo competente, a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN). O obxectivo de PuntoGal é establecer un dominio en Internet para a comunidade cultural e lingüística galega, o “.gal”, baixo o que poderán rexistrarse aquelas entidades, empresas ou persoas que se expresen en lingua galega e contribúan ao fomento da nosa cultura.

En total son 108 as entidades adheridas a PuntoGal, incluídos mais de 20 centros de emigrantes noutras comunidades autónomas e noutros países como Portugal, Francia, Suiza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos Uruguai e Brasil

Liñas de colaboración
As achegas da Secretaría Xeral de Modernización destináronse a varias actuacións como posibilitar a presenza dos asesores técnicos de PuntoGal nos encontros que o ICANN e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebraron en Belgrado, Munich e Cartagena de Indias. Ademais, dentro da colaboración co departamento autonómico tamén se contempla a produción dun vídeo informativo do proxecto PuntoGal en varias linguas tanto para o ICANN como para os organismos relacionados coa regulación da rede e a sociedade galega en xeral e que se difundirá a través da web da asociación.

Para promover a candidatura do dominio a Asociación, grazas a colaboración da Secretaría Xeral, conta cun servizo de apoio de carácter administrativo e técnico para executar os traballos necesarios para a presentación da candidatura. Así mesmo, o financiamento do departamento autonómico posibilita a presenza da Asociación PuntoGal en distintas feiras e encontros que se realizan tanto en Galicia comonoutros lugares de influenza do colectivo de emigrantes galegos.