Modernización destina un millón de euros a subvencionar accións de difusión das novas tecnoloxías realizadas por entidades sen ánimo de lucro

Venres 30 de Xullo de 2010

Modernización destina un millón de euros a subvencionar accións de difusión das novas tecnoloxías realizadas por entidades sen ánimo de lucro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas achegas, a cuarta liña do programa de axudas deste ano para o sector TIC

A Xunta costeará eventos de promoción da sociedade da información dirixidos á sociedade en xeral, as pemes e o investimento en equipamento TIC en entidades de interese social

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina 1 millón de euros a subvencionar, en réxime de concorrencia competitiva, actividades de difusión relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información realizadas por entidades sen ánimo de lucro. Así se recolle nunha resolución de axudas que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Liñas de Axuda

A Secretaría Xeral de Modernización subvencionará, por unha banda, eventos de promoción e difusión da sociedade da información tales como xornadas, sesións de demostración práctica do uso de Internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados que teñan como obxectivo promover o coñecemento de temas relacionados coas infraestruturas e servizos de telecomunicacións e a sociedade de información. Outra das liñas que contempla a resolución de axudas son as actuacións de difusión neste eido dirixidas á cidadanía en xeral.

En terceiro lugar están as accións orientadas ás pemes coa finalidade de proporcionar a empresarios e traballadores coñecementos sobre o uso e manexo das novas tecnoloxías. A cuarta liña está destinada a subvencionar os investimentos necesarios para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social, sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Plan Avanza. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde mañá e poden realizarse no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia ou en formato papel, preferentemente no Rexistro Único da Xunta en San Caetano.

Subvención de Contidos dixitais

Esta resolución de axudas súmase ás xa publicadas anteriormente, a última o pasado 18 de xuño na que se establecían as bases destinadas a subvencionar a produción e publicación de contidos dixitais por un importe de 880.000 euros.

A resolución destas axudas considera obxecto de subvención a produción e publicación de contidos xa existentes noutros formatos dixitais ou sen dixitalizar anteriormente; a produción e publicación de novos contidos; a creación de ferramentas e servizos que permitan a accesibilidade aos contidos dixitais.

Os proxectos que se presenten para acceder a subvención teñen que buscar acadar un impacto significativo que responda ás necesidades reais dun determinado sector de usuarios ou actividade. Ademais, deberanse especificar o colectivo ao que vai dirixido e as vantaxes e melloras que achegará.

Programa de axudas 2010

O orzamento total do programa de axudas 2010 ao sector TIC achégase aos 10 millóns de euros, repartidos en catro liñas de actuación. Así, o pasado mes de abril publicáronse no DOG as axudas destinadas a fomentar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade de información e a empresa dixital cunha dotación económica total de 8 millóns de euros. Os dous millóns de euros restantes destínanse ao fomento dos contidos dixitais, (resolución publicada no DOG o 18 de xuño) e ás entidades sen ánimo de lucro, segundo se recolle hoxe no Diario Oficial de Galicia.