Modernización destina este ano 2,6 millóns de euros a incentivar a creación de novos proxectos do sector TIC galego

Martes 29 de Marzo de 2011

Modernización destina este ano 2,6 millóns de euros a incentivar a creación de novos proxectos do sector TIC galego

Subvencionarase a creación de produtos e servizos destinados a áreas tecnolóxicas que permitan avances na eficiencia enerxética, na TDT ou novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, a loxística e ao sector marítimo

Financiaranse tamén solucións tecnolóxicas orientadas ao ámbito sociosanitario, educativo e a mellora de servizos electrónicos para a cidadanía

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano un total de 2.600.000€ a potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información en Galicia. Así se recolle nunha orde de axudas, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, que establece dúas liñas de subvencións para que as empresas TIC poidan xerar e ofertar no mercado novos produtos e servizos tecnolóxicos.

Por unha banda, a orde contempla unha liña de axudas orientada á creación de novos produtos e servizos tecnolóxicos por parte das empresas TIC ou novas versións de produtos xa desenvolvidos ou comercializados con anterioridade. Por outra banda, a orde subvencionará a elaboración de produtos ou prestacións que melloren servizos de interese xeral para os cidadáns.

Produtos e servizos TIC
No primeiro caso, as iniciativas que se presenten deberán incidir nalgunha das seguintes áreas: converxencia e accesibilidade IP, orientados á converxencia entre a telefonía fixa/móbil e Internet así como solucións que fomenten o acceso a Internet de calidade desde calquera dispositivo distinto de móbil ou ordenador; mobilidade, localización e GIS (sistemas de información xeográfica); avance na TDT; eficiencia enerxética; mellora do fogar dixital; novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, loxística ou sector marítimo que aumenten a eficiencia e seguridade ou acaden unha integración entre outras tecnoloxías.

Mellorar servizos de interese xeral
Os proxectos que se centren na mellora das actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC deberán orientarse a: servizos sociosanitarios, desenvolvendo aplicacións para a prestación e xestión de actuacións, especialmente as relacionadas coa saúde ou a dependencia (teleasistencia, servizos e dispositivos de localización, de alarma, etc.); a educación, mediante ferramentas de creación de contidos dixitais, plataformas de aprendizaxe on-line, plataformas de control do alumnado na aula, ou outros ámbitos de servizos electrónicos de interese xeral, non necesariamente vencellados á Administración.

Prazo
A concesión destas axudas, que contan co financiamento do 80% do Fondo de Desenvolvemento Rexional FEDER, realizarase en réxime de concorrencia competitiva.  O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante. Pódese acceder A documentación sobre a convocatoria de axudas na páxina web da secretaría http://imit.xunta.es, no apartado “Axudas” e na páxina web da Xunta www.xunta.es, a través do enlace do Diario Oficial de Galicia.