Modernización destina 7,7 millóns de euros ao programa de axudas 2011 para o desenvolvemento da sociedade da información
O departamento autonómico subvenciona con 5,5 millóns de euros a creación de novos produtos e servizos TIC e proxectos tecnolóxicos abordados desde a cooperación empresarial
Financia cunha achega de 1 millón de euros accións de difusión das novas tecnoloxías realizadas por entidades sen ánimo de lucro
Ademais, abriu este ano unha nova liña de axudas por importe de 1,2 millóns de euros para a creación de contidos educativos dixitais e a convocatoria duns premios para profesores que desenvolvan novos materiais docentes
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica desenvolve este ano un programa de axudas para o desenvolvemento da sociedade da información cunha dotación de preto de 7,7 millóns de euros.
Este orzamento repártese en catro liñas de actuación, das que dúas, a empresa dixital e o sector TIC concentran a maior dotación económica con 5,5 millóns de euros. Os 2,2 millóns de euros restantes destinaranse a fomentar a creación de contidos educativos dixitais e a accións de difusión das novas tecnoloxías por entidades sen ánimo de lucro. Así se recolle en catro ordes de axudas que foron publicados nas últimas semanas no Diario Oficial de Galicia.
O programa de axudas deste ano definiuse coas achegas realizadas polo sector ao que se lle solicitou a súa colaboración para adecuar as liñas de financiamento ás súas necesidades. Esta convocatoria incorpora novidades con respecto á anterior como a posibilidade de que os interesados nas axudas ao fomento da empresa dixital poidan solicitar un anticipo do 40% do importe total. Para esta mesma liña de axudas tamén se establece un financiamento plurianual co que o prazo para rematar os proxectos se amplía ata o verán de 2012. Esta medida permitirá que se poidan desenvolver proxectos de maior calado.
Axudas para o sector TIC
Co obxectivo de potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información en Galicia, o departamento que dirixe Mar Pereira, destina este ano un total de 2,6 millóns de euros. Estas axudas divídense en dúas liñas, por unha banda, contémplase a orientada á creación de novos produtos e servizos tecnolóxicos por parte das empresas TIC ou novas versións de produtos xa desenvolvidos ou comercializados con anterioridade. Por outra, subvencionarase a elaboración de produtos ou prestacións que melloren servizos de interese xeral para os cidadáns
No primeiro caso, as iniciativas que se presenten deben incidir nalgunha das seguintes áreas: converxencia e accesibilidade IP, orientadas á converxencia entre a telefonía fixa/móbil e Internet así como solucións que fomenten o acceso a Internet de calidade desde calquera dispositivo distinto de móbil ou ordenador; mobilidade, localización e GIS (sistemas de información xeográfica); avances na TDT; eficiencia enerxética; mellora do fogar dixital; novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, loxística ou sector marítimo que aumenten a eficiencia e seguridade ou acaden unha integración entre outras tecnoloxías.
Os proxectos que se centren na mellora das actuacións de interese xeral para os cidadáns a través das TIC deberán orientarse a: servizos sociosanitarios, a educación, ou outros ámbitos de servizos electrónicos de interese xeral, non necesariamente vencellados á Administración.
Convocatoria para empresa dixital
A subvención total para proxectos de cooperación para o fomento da empresa dixital elévase aos 2,9 millóns de euros. As iniciativas que se presenten deben abordarse desde a cooperación entre empresas e, a lo menos, cun socio tecnolóxico con capacidade para prestar novos servizos ou produtos TIC.
A convocatoria establece dúas liñas de axuda, tanto para a demanda empresarial en solucións TIC como para a resposta tecnolóxica en solucións TIC. A primeira opción está orientada para que as empresas e asociacións empresariais de calquera sector económico poidan identificar tarefas, problemas e situacións concretas da súa actividade empresarial que necesitan novos produtos e servizos tecnolóxicos. No segundo caso, as subvencións para solucións TIC está destinada a empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito tecnolóxico para que poidan poñer en marcha novos produtos e servizos que resolvan tarefas, problemas e situacións concretas da actividade empresarial da entidade líder do proxecto de cooperación.
Difusión das novas tecnoloxías
A Secretaría Xeral de Modernización achega este ano 1 millón de euros para actividades de difusión da sociedade da información como xornadas, sesións de demostración práctica do uso de Internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados, que teñan como obxectivo promover o coñecemento de temas relacionados coas infraestruturas e servizos de telecomunicacións e da sociedade de información.
Con este importe tamén se subvenciona a adquisición de equipamento informático necesario para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social e sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, da Consellería de Traballo e Benestar.
Creación de novos contidos dixitais
Por primeira vez, o departamento de Innovación Tecnolóxica abre unha convocatoria de axudas para potenciar nas empresas a produción e publicación de materiais educativos e para fomentar o uso das TIC no ensino a través dun premio para que os profesores desenvolvan novos contidos educativos. Esta nova liña de subvencións conta cun importe de 1,2 millóns de euros.
No caso das subvencións ás empresas, estas deberán presentar contidos educativos correspondentes a dúas materias dun curso académico completo, estruturados en secuencias didácticas dixitais estruturadas cunha introdución, exploración, exercicios e avaliación accesibles polos usuarios por medios electrónicos e interactivos co usuario.
Ademais estes contidos deberán contemplar o desenvolvemento curricular de, cando menos, dúas materias completas dun curso académico.
Por outra banda, os profesores galegos poderán optar este ano a uns premios sobre o desenvolvemento e novos contidos educativos con entidade dixital. Estes contidos, accesibles mediante medios electrónicos e interactivos, referiranse a algunha das seguintes modalidades en Terceiro Ciclo Primaria: Coñecemento do Medio; Lingua Galega e Literatura; Matemáticas ou Educación Física e Plástica.
No Primeiro Ciclo de Secundaria: Ciencias Sociais; Xeografía e Historia; Ciencias da Natureza; Educación Plástica e Visual; Lingua Galega e Literatura e Lingua Castelá e Literatura. Para cada unha das modalidades anteditas establécense un primeiro premio de 4.500 €, un segundo premio de 3.500 euros, un terceiro premio de 3.000 € e nove cuartos premios de 1.000 euros.
As presentes actuacións enmárcanse na estratexia do Proxecto ABALAR, que están a desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Esta iniciativa, que xa chegou a 14.500 alumnos e 300 centros no presente curso, ten como obxectivo a integración das TIC na práctica educativa, transformando os centros de ensino tradicionais en centros de ensino dixitais.
Prazo
A concesión destas axudas, que contan co financiamento do 80% do Fondo de Desenvolvemento Rexional FEDER, realizarase en réxime de concorrencia competitiva. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante. Pódese acceder á documentación sobre a convocatoria de axudas na páxina web da secretaría http://imit.xunta.es, no apartado “Axudas” e na páxina web da Xunta www.xunta.es, a través do enlace do Diario Oficial de Galicia.