Modernización colabora co Colexio de Enxeñeiros Técnicos Informáticos na realización de actividades formativas sobre peritaxes xudiciais e delitos informáticos

Domingo 27 de Marzo de 2011

Modernización colabora co Colexio de Enxeñeiros Técnicos Informáticos na realización de actividades formativas sobre peritaxes xudiciais e delitos informáticos

A secretaría Xeral achegará 70.000 euros ao CPETIG para a organización de oito seminarios sobre distintos aspectos da informática xudicial, como xerar negocio con aplicacións móbiles e as redes sociais

A Secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) colaboran na realización de accións formativas no eido das peritaxes xudiciais e técnicas probatorias. Ademais, a tamén se organizarán outras actividades dirixidas á difusión da sociedade da información entre os profesionais do sector TIC e a sociedade galega.

Estas liñas de colaboración recóllense nun convenio asinado entre os representantes de ambas entidades, Mar Pereira e Marcos Mata. Segundo o acordo, a Secretaría Xeral achegará un total 70.000 euros para a celebración tres seminarios e as II Xornadas sobre informática xudicial e delitos informáticos.

Informática Xudicial e peritaxe
Segundo se establece no acordo o Colexio celebrará catro seminarios sobre informática xudicial e proba electrónica que ten como obxectivo principal informar aos xuristas dos avances en materia probatoria e peritaxe Ademais, tamén se lles trasladarán a estes profesionais os importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial. Tamén se tratará de sensibilizar aos asistentes sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais.

A finalidade última é dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que se incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.

O convenio prevé ademais a celebración dun curso de peritaxe para formar aos actuais e futuros enxeñeiros técnicos en informática das últimas técnicas de análise forense e práctica pericial e informalos sobre a última normativa legal relacionada co campo da informática.

Aplicacións móbiles e Redes sociais
Outro dos seminarios previstos é o relativo á como xerar negocio con aplicacións móbiles. Os obxectivos deste curso céntrase na formación sobre os beneficios e posibilidades da mobilidade tecnolóxica aplicada ás empresas. Ademais, amosarase tanto o estado actual do negocio das aplicacións móbiles como a competencia e as ferramentas das que dispoñen os técnicos para triunfar nun mercado tan competitivo como o actual.

Ao finalizar o curso, o asistente contará cunha visión pragmática de como rendibilizar as súas ideas de desenvolvemento de aplicacións móbiles no mercado actual. Ademais terá unha visión global de como aplicar as tecnoloxías móbiles para ofrecer un valor diferencial ás empresas que as adopten.

II Xornadas de informática xudicial e delitos informáticos
Con estas xornadas, que se celebrarán por segunda vez en Galicia, poranse á disposición do ámbito xudicial e xurídico de Galicia relatorios de expertos que informen da realidade e experiencias en canto á relación da informática co seu entorno. Así mesmo, quérese establecer un punto de encontro periódico que permita reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais e peritos).

Búscase tamén transmitir á sociedade a relación existente entre a informática e o ámbito xudicial, tanto pola natureza dos delitos como polas ferramentas para a súa investigación, persecución e condena; así como por de manifesto os últimos avances nesta materia.

O acordo tamén prevé a celebración dun seminario sobre a Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) e as redes sociais, no que se darán a coñecer as ameazas á intimidade que poden xurdir coas redes sociais mal empregadas, como facer un uso responsable delas e que se pode facer ante os abusos e como evitalos.