Medio Ambiente avanza na aplicación que permitirá localizar en tempo real todos os autobuses de transporte público

Domingo 14 de Abril de 2013

Medio Ambiente avanza na aplicación que permitirá localizar en tempo real todos os autobuses de transporte público

A Consellería de Medio Ambiente e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia traballan de forma conxunta nesta aplicación que se implantará nas concesións de transporte público

Adianta que nas próximas semanas se presentarán os requirimentos que deberán desenvolver os plans de calidade que se recollen no Plan de Modernización

A Xunta de Galicia está a avanzar nas tarefas necesarias para dispoñer dunha aplicación que permitirá localizar en tempo real todos os autobuses de transporte público regular de viaxeiros de Galicia. Con estes datos, será posible facilitar aos usuarios información acerca do tempo estimado de espera nas paradas, se se trata dun vehículo accesible, ou se realiza conexión con outros servizos, entre outros datos de interese.

Este foi un dos avances que trasladou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante a reunión do Comité Galego de Transporte, onde estivo acompañado polo director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín.

O Sistema de Axuda á Explotación (SAE) se implantará nas concesións de transporte público de Galicia, e representa un proxecto de máximo interese para a Xunta que se desenvolverá coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Trátase dunha importante mellora tecnolóxica que se introduce no sistema de transporte público de viaxeiros por estrada, coa finalidade de mellorar a información sobre a oferta de servizos en autobús en calquera punto de Galicia. Deste xeito, eliminaranse as incertezas que sobre o horario dun servizo teñen as persoas usuarias, feito lóxico debido á que os autobuses vense afectados polas incidencias do tráfico na estrada. Tamén poderase facilitar outros datos en tempo real, como os servizos que ofreza o autobús (accesibilidade, por exemplo). O fin último é facilitar o uso destes servizos de transporte, mellorando a información que permita acceder a eles a través das novas tecnoloxías (web, SMS, aplicacións para móbiles, etc.), ademais dos medios convencionais.

Sobre outras medidas contempladas no Plan de Modernización das concesións de transporte público, o conselleiro adiantou que nas próximas semanas procederase a difundir os requirimentos que deberán desenvolver os plans de calidade que deben levar a cabo as empresas, así como os conceptos da imaxe corporativa Transporte Público de Galicia, que deberán incorporar os vehículos que se adscriban ás concesións de transporte.

Outro dos eixes de actuación no ámbito da mobilidade será continuar coa avaliación do programa de renovación de flota e incorporación de vehículos adaptados, verificando a evolución no rexuvenecemento dos vehículos e os índices de adscrición de vehículos adaptados.

O responsable de Mobilidade do Goberno galego sinalou que como consecuencia da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia, ten permitido dotar ao sector do transporte público de persoas en Galicia dun relevante nivel de estabilidade, o que resulta especialmente importante nun contexto que está a ser moi difícil para todos os sectores económicos.

Destacou que esta situación está a permitir que este conxunto de empresas poida manter unha actividade sostible a través desta complicadísima situación; ao tempo que, este escenario de estabilidade, está a facilitar que as modificacións normativas que resultaban previsibles en 2009, como ben indica a exposición de motivos da propia Lei 5/2009, non causen maiores desequilibrios na explotación dos servizos públicos.