Medio Ambiente aproba a memoria ambiental do Plan sectorial das infraestruturas de telecomunicacións desenvolvidas por Retegal
O Plan ten como obxectivos ordenar axeitadamente as infraestruturas existentes, formular a evolución previsible a medio e longo prazo, e estimar as necesidades das mesmas
O operador público conta con máis de 200 centros de telecomunicacións e construirá outros 99 en 2013 para facilitar a extensión da banda larga en toda a Galicia
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, vén de emitir aprobar a Memoria Ambiental do Plan Sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal, documento co que remata a súa tramitación ambiental. Este Plan enmárcase dentro da Axenda Dixital de Galicia, que ten entre os seus obxectivos favorecer o despregamento de infraestruturas e redes para a prestación de servizos de acceso a banda larga e potenciar o seu uso.
O Plan Sectorial de Retegal busca ordenar axeitadamente as infraestruturas existentes, formular a evolución previsible a medio e longo prazo, e estimar as necesidades das mesmas. Así mesmo, analiza as posibilidades de implantación de novas infraestruturas e instalacións para determinar os principais criterios de instalación.
Deste xeito, o Plan permitirá o aproveitamento de toda a infraestrutura pública actual e a redución dos custos do despregamento de banda larga mediante a reutilización destes emprazamentos polos distintos operadores privados para proporcionar este servizo aos cidadáns das zonas máis illadas orograficamente.
A empresa pública Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), está a desenvolver un papel clave no Plan de Banda Larga para posibilitar a conexión a Internet de todos os galegos. Actualmente conta conta con máis 200 centros de telecomunicacións e construirá 99 centros máis en 2013 para facilitar a extensión da banda larga en toda a Galicia.
Sen prexuízo dos deberes de publicidade que corresponden ao órgano promotor, conforme ao artigo 14 da Lei 9/2006, do 28 de abril, esta Memoria ambiental así como o resto de documentos xerados durante a tramitación ambiental, pódese consultar no seguinte enlace web de avaliación ambiental estratéxica de plans e programas da Consellería de Medio Ambiente http://www.cmati.xunta.es/busca-por-palabra-clave introducindo o código do Plan 1385/2012.