Mar Pereira sinala que o reto do goberno galego para 2020 é consolidar os servizos electrónicos postos en marcha e acadar unha administración que funcione integramente de xeito dixital

Xoves 24 de Setembro de 2015

Mar Pereira sinala que o reto do goberno galego para 2020 é consolidar os servizos electrónicos postos en marcha e acadar unha administración que funcione integramente de xeito dixital

A folla de ruta para afrontar este obxectivo é o Plan de Goberno e Administración Dixital, que arrancou en marzo deste ano.

Establece as liñas para crear unha administración capaz de anticiparse ás demandas da sociedade, baixo un modelo de goberno aberto e participativo e que ofrece ao cidadán unha visión única e cohesionada.

Cun investimento de 27,7 millóns de euros, unha vez completado, posibilitará un aforro anual de 41 millóns de euros no horizonte 2020.

Este mes puxéronse en marcha dúas iniciativas do Plan, a dixitalización dos rexistros e o servizo Chave 365, que simplifica a xestión online a través de claves concertadas no móbil.

Antes de que remate o ano entrará en funcionamento o Arquivo Dixital de Galicia, que permitirá xestionar o ciclo de vida completo de cada documento.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou que a prioridade do Goberno galego na modernización da Administración para 2020 “é culminar o traballo realizado nos últimos catro anos, consolidando os servizos electrónicos postos en marcha e conseguir unha Administración que funcione integramente de xeito dixital”. Un obxectivo cunha folla de ruta aprobada en marzo deste ano, o Plan de Administración e Goberno Dixital 2020.

Pereira destacou que, cun investimento de 27,7 millóns de euros, o Plan asume o reto de acadar unha administración accesible, áxil nas respostas, con capacidade para anticiparse ás necesidades das sociedade, eficiente no uso dos recursos públicos e que ofrece ao cidadán unha visión única e cohesionada da Administración. Unha vez completado, o Plan permitirá un aforro anual estimado de máis de 41 millóns de euros.

A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta inaugurou esta mañá en Santiago o Encontro Tecnolóxico “Transformación Dixital. As tecnoloxías que nos unen”, organizado por Iecisa, e que aborda os retos tecnolóxicos da Administración para o horizonte 2020.

Acadar a madurez electrónica
Pereira explicou que unha das liñas de acción do Plan é acadar a madurez da Administración electrónica, un camiño que, segundo indicou, require de actuacións que reforcen e potencien as iniciativas xa iniciadas como evolucionar a sede electrónica, simplificar o acceso á eadministración, impulsar a interoperabilidade, a xestión electrónica interna e consolidar o Arquivo Dixital electrónico.

Neste sentido, a directora da Amtega destacou a posta en marcha hai unha semana do servizo Chave 365 e a dixitalización dos Rexistros. O Chave 365 permite interactuar coa Administración a través do teléfono móbil sen necesidade de empregar un certificado electrónico e se pode solicitar xa a través da sede ou de forma presencial no Rexistro Xeral da Xunta. Ademais, estase a pilotar, tamén no Rexistro Xeral, a dixitalización da documentación que achegan os cidadáns. Este proceso é fundamental para conseguir unha tramitación 100% electrónica.

Unha peza chave para conseguir a tramitación electrónica integral é a consolidación do Arquivo Dixital Integrado, que entrará en funcionamento este ano. O Arquivo Dixital permitirá xestionar o ciclo de vida completo de cada documento e posibilitará, tanto aos empregados públicos como ao propio interesado, recuperar e consultar calquera información dun expediente.

A directora da Amtega destacou que a posta en marcha da sede electrónica foi un dos fitos principais do primeiro Plan de Modernización. O novo Plan busca consolidar este esforzo acadando unha tramitación electrónica integral. Para avanzar neste sentido dotarase á sede electrónica de máis funcionalidades, personalizadas para os diferentes colectivos. O obxectivo é que en 2020 a totalidade dos procedementos se poidan iniciar telematicamente e que o 40% se tramiten integramente de xeito electrónico.

No marco de colaboración coas outras administracións, porase a disposición de concellos e deputacións provincias o nodo de interoperabilidade Pasaxe!, que. Pasaxe! que permite o intercambio electrónico de documentación entre as 3 administracións, evitando reclamarlla aos cidadáns. No que levamos de ano xa se fixeron 1 millón de consultas na plataforma.