Mar Pereira sinala que Galicia conta cunha administracíón comprometida e un sector TIC capaz para afrontar os desafios da economía dixital

Mércores 28 de Outubro de 2015

Mar Pereira sinala que Galicia conta cunha administracíón comprometida e un sector TIC capaz para afrontar os desafios da economía dixital

Lembrou que o sector tecnolóxico non só é obxectivo da Axenda Dixital 2020 senón que tamén será partícipe dos proxectos tecnolóxicos transformadores para mellorar a eficiencia nas administracións públicas e incrementar a competitividade no resto dos sectores produtivos.

A estratexia tecnolóxica da Xunta mobilizará máis de 1.500 millóns de euros para ofrecer unha administración máis próxima á cidadanía, reforzar os recursos territoriais, impulsar a dixitalización empresarial, dar resposta aos cambios sociais e estender infraestruturas asequibles e de alta calidade.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou esta mañá en Santiago que os cambios económico-sociais e as novas tendencias tecnolóxicas requiren un salto cualitativo na utilización das TIC para contribuír ao crecemento na Comunidade. Incidiu en que é o momento de avanzar un paso máis na mellora do benestar dos cidadáns, potenciando o uso da tecnoloxía para ofrecerlles servizos que respondan mellor ás súas demandas e que se adianten ás novas tendencias económicas e sociais.

Neste sentido, Pereira destacou que a Administración autonómica aposta por un modelo de crecemento vinculado á economía dixital, que dea lugar ao desenvolvemento de solucións innovadoras xeradoras de novas vantaxes competitivas para os axentes e empresas da nosa Comunidade.

ADG 2020: a aposta por unha economía dixital
A máxima responsable da política autonómica da Xunta lembrou que para iniciar esta nova senda a Xunta conta cunha estratexia, Axenda Dixital de Galicia 2020, presentada o pasado mes de xullo. Unha folla de ruta en materia tecnolóxica, resultado do esforzo conxunto de toda a Administración galega, así como dos axentes económicos e sociais e mesmo da propia cidadanía, que participou na súa elaboración.

Pereira afirmou que Galicia aborda esta nova etapa tras seis anos de políticas TIC, a través da Axenda Dixital de Galicia, 2014.gal, que no período 2009-2014 mobilizou 1.275 millóns de euros, dos que 363 procederon do ámbito privado. Unha axenda que se desenvolveu nun momento de crise económica e que puxo de manifesto tanto o compromiso da Administración como a capacidade do sector tecnolóxico da Comunidade.

O sector TIC: obxectivo e “partner” da Axenda 2020
A directora da Amtegasubliñou que a achega do sector TIC a través de proxectos tecnolóxicos transformadores é esencial, tanto para mellorar a eficiencia nas administracións públicas como para incrementar a competitividade no resto dos sectores produtivos

Por iso unha das cinco liñas estratéxicas que marca a nova Axenda 2020 é a de consolidar un hipersector tecnolóxico galego competitivo e innovador, que xere redes de valor co resto dos axentes, empresas tractoras e sectores económicos, que conformen un ecosistema dixital galego activo.

Ademais, impulsará as vocacións tecnolóxicas e novos perfís dixitais que satisfagan as necesidades do mercado TIC a medio e longo prazo. Neste sentido Pereira lembrou que para 2020 prevense en Europa 16 millóns máis de postos de traballo que requiran competencias en TIC.

A directora da Axencia incidiu en que o sector tecnolóxico non só é obxectivo da Axenda, tamén será partícipe para abordar iniciativas que permitan enfrontar os desafíos marcados nas outras catro liñas estratéxicas da nova Axenda 2020: conseguir unha Administración máis próxima á cidadanía, consolidando Administración dixital, máis útil, menos custosa e que preste máis e mellores servizos públicos; dar resposta aos cambios sociais derivados das novas tendencias tecnolóxicas para evitar a segunda fenda dixital e implantar novas solucións TIC que contribúan á sostibilidade do sistema dos servizos sociosanitarios; reforzar os recursos territoriais, empregando as TIC para desenvolver sistemas de transporte intelixente, de xestión innovadora dos recursos naturais, das emerxencias e a prevención de riscos, así como para modernizar o sector patrimonial, cultural e turístico; e conseguir unhas Infraestruturas asequibles e de alta calidade para todos, capaces de servir de soporte aos novos servizos dixitais avanzados.