Mar Pereira sinala que a integración das TIC nas entidades locais permitirá estimular o progreso local e xerar novos investimentos

Xoves 03 de Marzo de 2011

Mar Pereira sinala que a integración das TIC nas entidades locais permitirá estimular o progreso local e xerar novos investimentos

A Secretaría Xeral de Modernización está a impulsar a implantación da eAdministración nos municipios a través do Plan eConcellos, dotado con 9,1 millóns de euros ata o ano 2013

A día de hoxe 50 concellos están xa adheridos ao Plan

O Plan Senda e o Proxecto Abalar son outras dúas iniciativas para achegar as tecnoloxías a eidos de importante impacto social como a educación e a xustiza

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, sinalou hoxe que o impulso da Administración electrónica nas entidades locais permitirá estimular o progreso local e xerar novos investimentos. A responsable autonómica interveu esta mañá no Seminario sobre o proxecto europeo Axenda Dixital Local organizado polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

A responsable de Modernización indicou que a Xunta ten entre as súas prioridades que Galicia se integre de xeito definitivo na Sociedade da Información. Para avanzar neste sentido o Goberno galego conta cunha estratexia tecnolóxica global 2014.gal que dispón medidas concretas para o ámbito da Administración pública e as entidades locais.

IANUS, exemplo a nivel europeo
Estas liñas de actuación entroncan co proxecto europeo da Axenda Dixital Local, o instrumento co que se quere fortalecer a capacidade de actuación das administracións locais e rexionais a través dunha infraestrutura tecnolóxica adecuada e segura que permita promover servizos e aplicacións baseados nas TIC.

Mar Pereira destacou o recoñecemento que o proxecto europeo Axenda Dixital Local fixo da historia clínica IANUS como mellor exemplo de boas prácticas entre un total de 37 iniciativas relacionadas coa sociedade da información. Esta iniciativa da Xunta, sinalou “ é un claro exemplo da importante achega ao benestar da sociedade que pode ter un uso intelixente das novas tecnoloxías”. O pasado ano realizáronse máis de 14 millóns de accesos de profesionais sanitarios á IANUS. Actualmente o 100% do persoal médico xa ten acceso á historia clínica electrónica (IANUS).

Axenda Dixital Local
A responsable de Modernización sinalou que “o desenvolvemento da estratexia tecnolóxica baixo a forma dunha Axenda Dixital Local permite unha priorización e asignación eficiente dos recursos, a participación activa de todos os axentes implicados e involucrar á sociedade para alcanzar un obxectivo común”. Ademais, engadiu “ favorece as posibilidades de atopar financiamento e apoio ás iniciativas contidas no mesmo por parte doutras administracións e institucións e o mantemento dunha visión a medio-longo prazo”.

Plan eConcellos
Mar Pereira destacou as actuacións que se están a realizar desde a Xunta de para integrar as TIC nas entidades locais, as máis próximas ao cidadán. Así a secretaria xeral lembrou o desenvolvemento do Plan de Banda Larga de Galicia “co que se está a dotar á Comunidade das redes de telecomunicacións precisas para poder falar dunha verdadeira administración electrónica e dunha cidadanía capacitada dixitalmente”. Xunto coas infraestruturas a responsable de Modernización explicou a posta en marcha do Plan eConcellos, que cun orzamento de 9,1 millóns de euros ata o ano 2013, ten como obxectivo desenvolver a administración electrónica nas entidades locais e garantir uns niveis homoxéneos de servizos dixitais para todos os cidadáns.

Neste contexto Mar Pereira lembrou a sinatura dun entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias, para o desenvolvemento da Administración Electrónica nas Entidades Locais da Comunidade Autónoma de Galicia . O obxectivo do acordo é impulsar o proceso de modernización da administración nos municipios galegos dando cobertura ás actividades e proxectos precisos para o desenvolvemento da eAdministración nas entidades locais. Deste xeito contribuímos a garantir aos cidadáns o acceso electrónico aos servizos públicos independentemente do lugar onde vivan. A día de hoxe xa son 50 os municipios adheridos ao Plan.

A secretaria xeral destacou tamén “o importante esforzo en achegar as tecnoloxías a outros eidos de importante impacto social como a educación o a xustiza.” O Plan Senda 2014 para a modernización da Xustiza alineado coa configuración da nova Oficina Xudicial ou o Plan Abalar que introduce de xeito definitivo as novas tecnoloxías na educación e que permitirá que mais de 30.000 rapaces manexen contidos dixitais na práctica educativa o vindeiro curso son algúns dos importantes retos que a Axenda Dixital 2014.gal ten por diante.