Mar Pereira reúnese co director da empresa pública que xestiona as tic en Brasil e un dos artífices da migración ao software libre desta administración
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantivo esta mañá unha xuntanza Julio Cezar Neves, director de Serpro (Servizo Federal de Procesamento de Datos), a empresa pública do Goberno de Brasil encargada da prestación dos servizos de Tecnoloxías da Información e da Comunicación e unha das maiores organizacións do sector de América Latina e conta con 11.000 traballadores.
Julio Cézar Neves é un dos principais artífices da migración a Software libre do Goberno de Brasil e participou onte na primeira xornada da Libre Software World Conference 2012, que se está a celebrar na Cidade da Cultura de Galicia, organizada pola pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL, co apoio da Federación Nacional de Empresas de Software Libre, ASOLIF, da Amtega.
Durante a xuntanza Mar Pereira e Julio Cézar Neves tiveron oportunidade de coñecer os proxectos que se están a desenvolver en Galicia e Brasil para promover o uso do Software libre.
O software libre en proxectos clave da Xunta
A directora da Amtega debullou as liñas estratéxicas do Goberno galego nesta materia, o primeiro que conta cun plan global consensuado cos axentes do sector do software libre galego que se puxo en marcha en 2010, e que continuou en 2011 e 2012. Precisamente o apoio á Conferencia Internacional de Software Libre enmárcase nas actuacións do Plan para este ano.
O plan 2012 contempla 120 actuacións distintas e ademais a Xunta está a apostar polo software libre en proxectos estratéxicos para Administración autonómica como Abalar ou a Rede de Centros CeMIT que ofrece formación gratuíta en novas tecnoloxía a máis de 15.000 usuarios a través dos seus 98 centros. O emprego do software libre nestas iniciativas xunto co outras do ámbito da Administración permitiu un aforro de 2,5 millóns de euros no período 2010-2011.
Unha das medidas que contempla o Plan de Software Libre 2012 da Xunta é a realización d un estudo sobre o impacto da migración exclusivamente a ferramentas ofimáticas de software libre nos ordenadores dos empregados públicos.