Mar Pereira: “Os sistemas de acreditación dixital son fundamentais para xerar confianza nas relacións telemáticas entre cidadáns, empesas e Administración”

Mércores 26 de Xaneiro de 2011

Mar Pereira: “Os sistemas de acreditación dixital son fundamentais para xerar confianza nas relacións telemáticas entre cidadáns, empesas e Administración”

Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior uso da Administración electrónica para obter información das páxinas web e a quinta en descarga e cumprimentación de formularios oficiais

A Xunta aprobou o Decreto de desenvolvemento da Administración electrónica e vén de implantar novos servizos de certificación dixital aos que se poden adherir de xeito gratuíto as entidades públicas galegas

Estas medidas permitirán avanzar na acreditación dixital do cidadán e dos empregados públicos

O presidente do CPEIG destaca o papel da enxeñaría informática para desenvolver os novos sistemas das tecnoloxías da información

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, sostén que para avanzar cara una verdadeira eAdministración “resulta imprescindible xerar confianza nas relacións electrónicas entre os cidadáns, as empresas e as administracións a través de sistemas de acreditación como a sinatura dixital, que permite verificar a identidade das persoas con idéntico valor que a sinatura manuscrita”.

A responsable autonómica e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, xunto do director da Escola Galega de Administración Pública, Pablo Figueroa, inauguraron esta mañá a Xornada Construíndo Identidade Dixital, na que se presenta un estudo que aborda a situación actual da sinatura electrónica e das entidades de certificación.

As TIC, chaves para un servizo máis eficaz

Mar Pereira indicou que a Xunta de Galicia entende a Administración electrónica como un xeito de ofrecer aos cidadáns e ás empresas uns servizos públicos máis eficientes e próximos mediante a utilización das tecnoloxías da información. Por iso o Goberno galego está abordar desde esta perspectiva a mellora da súa propia xestión interna no marco das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal.

Entre os pasos que se deron nesta liña, a responsable de Modernización destacou a recente aprobación do Decreto que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega e, que regula, entre outros aspectos, a creación da sede electrónica da Xunta, a formalización do rexistro electrónico, a xestión dixital dos procedementos administrativos e os medios para a acreditación de cidadáns e empregados públicos. Tamén fixo referencia aos novos servizos implantados na Xunta en colaboración coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) que permiten a incorporación de certificados dixitais non dispoñibles ata agora e a súa dispoñibilidade para o resto das entidades públicas galegas (concellos, deputacións provinciais, universidades galegas...) o que lles permitirá aforrar custos para avanzar na implantación da eAdministración.

Os galegos, os terceiros no uso da eAdministración

Mar Pereira destacou que Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior uso da Administración electrónica para obter información das páxinas web e a quinta en descarga e cumprimentación de formularios oficiais. En canto ao ámbito empresarial, un 68,1% das empresas de 10 e máis empregados de Galicia aproveitan as vantaxes da administración electrónica e ocupan o oitavo posto no uso da e-Administración dentro do contexto autonómico.

A secretaria xeral sostivo que estes datos indican que “temos unha boa base para afrontar os cambios e os futuros retos da Sociedade da Información. Por iso, desde o Goberno galego e as distintas administracións debemos impulsar o uso e aproveitamento das TIC e facer que o cidadán desenvolva unha cultura dixital e adquira seguridade e confianza no seu uso.”

O sector TIC non contexto actual

Pola súa banda, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez sinalou que no novo contexto tecnolóxico a enxeñaría en informática toma cada vez máis relevancia tanto á hora de estender o coñecemento da lexislación asociada (Firma electrónica, Protección de datos, propiedade intelectual, comercio electrónico, etc.), como na implantación e desenvolvemento dos novos sistemas e tecnoloxías da información. Suárez apuntou que a crecente complexidade destes fai necesario apoiarse na utilización de ferramentas, normativas e unha metodoloxía de traballo para poder abordar de modo continuo as novas necesidades e servizos existentes. É aí onde, segundo Fernando Suárez "os enxeñeiros e enxeñeiras en informática teremos un papel protagonista nos próximos anos".

O presidente do Colexio indicou que aínda que o 2010 seguiu sendo un ano de crise, o sector TIC apostou pola innovación como medio para saír dela. De feito, sinalou que "a pesar do descenso en facturación, por primeira vez en España, o investimento en innovación das empresas do sector TIC aumentou un 5% e en I+D un 3%.” Para Fernando Suárez é evidente que "neste contexto de crise ninguén dubida da necesidade de mellora da competitividade como ferramenta fundamental para saír da recesión económica nun ámbito globalizado e do papel que teñen as TIC para impulsar estas melloras. "

Construíndo a identidade dixital

A Xornada, que se está a celebrar hoxe na EGAP, reune a un amplo número de expertos para abordar a sinatura electrónica desde diferentes puntos de vista: os prestadores de servizos, a administración electrónica, os servizos de certificación dixital e a seguridade, entre outro

Os relatores das distintas mesas redondas analizarán o estudo Construíndo a Identidade Dixital, publicado polo CPEIG en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e que está dispoñible para a súa descarga gratuíta na web do Colexio www..cpeig.org

A publicación debulla elementos fundamentais como o DNI electrónico, os principais prestadores de servizos existentes en España, os servizos ofrecidos en relación a esta nova modalidade de firma e a fundamental relación que se establece en torno á administración electrónica. Abórdase ademais un pequeno repaso sobre cuestións legais así como a principal normativa existente que afecta á materia.