Mar Pereira: “O Centro de Proceso de Datos Integral é a infraestrutura clave para impulsar a innovación tecnolóxica nos servizos públicos galegos”

Martes 28 de Febreiro de 2012

Mar Pereira: “O Centro de Proceso de Datos Integral é a infraestrutura clave para impulsar a innovación tecnolóxica nos servizos públicos galegos”

Esa plataforma tecnolóxica de altas prestacións integrará funcións dos 80 CPDs que Administración actualmente dispersos en diferentes ubicacións

Xestionará toda a documentación dixital da Administración pública, albergando preto de 2.000 servidores informáticos e case 3.000 aplicacións de todas áreas administrativas

A unificación dos servizos nunha única infraestrutura permitirá un aforro anual de 3 millóns de euros, ao reducir un 50% o custo enerxético por metro cadrado, un 27% a factura eléctrica dos CPD actuais, ademais dun 30% o investimento en hardware e outro 30% no mantemento do mesmo

Prestará servizo a todos os centros dependentes da Administración autonómica e ás deputacións, concellos e universidades galegas

Terá unha capacidade inicial de almacenamento de 1,9 petabytes, o equivalente a máis de 593.000 millóns de páxinas

O acondicionamento do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) entra na recta final co obxectivo de comezar a integrar todas as plataformas tecnolóxicas da Administración autonómica este verán. Así o explicou esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, durante a visita ás instalacións do CPDI, na Cidade da Cultura, nas que estivo acompañada pola xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.

A responsable de Modernización explicou que “o Centro de Proceso de Datos é unha plataforma tecnolóxica de altas prestacións para impulsar a innovación tecnolóxica en todos os ámbitos da administración, e polo tanto, nos servizos públicos galegos”. Sinalou que é unha infraestrutura clave para conseguir unha administración eficiente e que consiga prestar mellores servizos optimizando custos. Ademais, indicou que permitirá ao sector público desenvolver proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o sector TIC da Comunidade.

A secretaria xeral sinalou que nesta fase de execución do proxecto comezaranse a realizar as probas de funcionamento das instalacións, un proceso fundamental para garantir a futura prestación dos servizos dixitais desde o CPDI. Neste sentido, Mar Pereira, explicou que o Centro ten que cumprir uns requirimentos técnicos moi rigorosos acordes coa complexidade técnica do proxecto e que garantan a seguridade e a dispoñibilidade dos servizos aos cidadáns durante o proceso de traslado de preto dos 2.000 servidores e case 3.000 aplicacións que se centralizarán no CPDI.

Integración de funcións
O corazón dixital de Galicia comezará a integrar este verán funcións dos 80 CPDs, dos cales o 90 por cento carecen de capacidade de crecemento e están afectados por problemas de refrixeración, de dispoñibilidade e de consumos excesivos de enerxía eléctrica, que dificultan unha xestión eficiente. Este proceso consolidarase nun período de dous anos.

Aforro
A posta en marcha do CPDI non só revertirá esta situación, garantindo o obxectivo dunha Administración aberta as 24 horas os 365 días do ano, senón que acadará importantes aforros. A unificación de todos os servizos nunha mesma infraestrutura tecnolóxica permitirá unha redución dun 50% do custo enerxético por metro cadrado e dun 27% do gasto anual da factura eléctrica dos CPD actuais. Tamén reducirá un 30% o investimento en hardware e outro 30% no mantemento do mesmo. Todo isto sumado á reorganización dos espazos liberados nos edificios administrativos da Xunta posibilitará un aforro anual de 3 millóns de euros. Así, unha vez consolidada a infraestrutura, amortizarase os seu custo en menos de dous anos.

Capacidade de almacenamento e servizo
O CPDI custodiará todo o arquivo dixital de Galicia, é dicir, toda a documentación que xera a Administración autonómica: procedementos xudiciais, contidos educativos, expedientes administrativos, DOG dixital, historias clínicas, receitas electrónicas … Para xestionar toda esta información e garantir á seguridade e a dispoñibilidade dos servizos o Centro conta cunha capacidade inicial de almacenamento de 1,9 petabytes, o equivalente a máis de 593.000 millóns de páxinas.

O Centro de Proceso de Datos dará servizo a todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta de Galicia e a outras entidades públicas como as deputacións provinciais, os concellos e as universidades. En cifras, tradúcese na prestación de servizo a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros asistenciais e sanitarios, a 322 entidades xudiciais, 1.500 oficinas de farmacia, e a a máis de 90.000 empregados públicos.

Distribución do espazo
A superficie construída do Centro, situado no soto do Edificio de Servizos Centrais, é de 1.600 metros cadrados construídos, nos que se ubican as salas de servidores, comunicaciones, hosting, ademais das salas técnicas de cadros eléctricos e sistemas de alimentación ininterrompida, de operación do CPD, de montaxe de equipos, de copias de respaldo, almacén, a sala de operadores externos de telecomuncacións, a área de refrixeración e subministro de emerxencia (grupo electróxeno) e a sala dos centros de transformación.

As oficinas do Edificio de Servizos Centrais serán a sede da futura Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega). Neste edificio, en fase de acondicionamento, traballarán 150 tecnólogos, que se trasladarán tamén no verán.

Equipamento e Seguridade
Para garantir a seguridade do CPDI e a dispoñibilidade de servizo o centro está dotado con varios sistemas que aseguran a continuidade do subministro eléctrico en caso de avaría. Por iso conta con dúas subestacións eléctricas independentes, con sistemas de alimentación ininterrompida que permiten manter o subministro no caso de que este falle, e un grupo electróxeno cunha autonomía de 24 horas que se pode prolongar o tempo necesario enchendo o depósito de combustible cada 24 horas.

Outro aspecto chave para o correcto funcionamento do CPDI é a refrixeración. Para manter os servidores e equipos de almacenamento a unha temperatura adecuada o centro conta cun sistema de climatización que se encargan de arrefriar a sala de servidores, e outros equipos alternativos que, en caso de fallo deste sistema, entran en funcionamento de xeito automático para manter nas mesmas condicións de temperatura.

A nivel de telecomunicacións, o Centro tamén está completamente preparado para ter conectividade incluso no caso de caídas de varias liñas, cun dobre circuito e canalizacións e mesmo varios operadores de telecomunicacións dando servizo.

Como medidas de protección adicionais todo o equipamento está monitorizado para control preventivo e xestión de toda a instalación e mellora da eficiencia enerxética. Todas as salas teñen sistemas de detección e extinción de incendios, e unha estrutura construída con materiais resistentes ao lume e á auga, ademais dun control por videocámaras e un sistema acceso restrinxido só para persoal autorizado.