Mar Pereira mantén unha xuntanza de traballo co secretario de Estado de Telecomunicacións

Luns 24 de Setembro de 2012

Mar Pereira mantén unha xuntanza de traballo co secretario de Estado de Telecomunicacións

A directora da Axencia de Modernización trasladoulle a Víctor Calvo-Sotelo as principais liñas de actuación da estratexia tecnolóxica da Xunta, aliñada coa do Ministerio, para avanzar na integración de Galicia na sociedade da Información

O Goberno galego está a desenvolver por primeira vez unha política global en materia tecnolóxica cun modelo de xestión integrada a través da Axencia

A posta en marcha a semana pasada do Centro de Proceso de Datos integral será chave para continuar a modernización da Administración e impulsar medidas como a interoperabilidade e a integración dos rexistros autonómico e estatal

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo co secretario de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información, Victor Calvo-Sotelo, co que analizou os avances da estratexia tecnolóxica global de Xunta 2014.gal e as liñas de colaboración nesta materia entre as administracións autonómica e estatal.

Durante a reunión, que tivo lugar nas novas dependencias da Amtega na Cidade da Cultura de Galicia, a directora da Axencia expúxolle ao secretario de Estado as últimas actuacións do Goberno galego na área TIC como a creación da Axencia como organismo único que aglutina os recursos humanos e materiais da Xunta en materia tecnolóxica. O secretario de Estado percorreu as instalacións da Axencia na que traballan xa arredor de 100 tecnólogos dos 286 que xa están integrados no organismo.

Víctor Calvo-Sotelo visitou tamén o Centro de Proceso de Datos Integral, que entrou en funcionamento a semana pasada e que é a infraestrutura tecnolóxica única que dará servizo a todos os galegos.

Mar Pereira explicou ao responsable estatal a importancia desta plataforma tecnolóxica de altas prestacións que permitirá prestar mellores servizos con menos custe, xa que a consolidación deste proxecto suporá unha redución de custos de ata 3 millóns de euros anuais. Una infraestrutura que se pon en marcha para conseguir unha Administración aberta as 24 horas do día os 365 días do ano.

Colaboración entre Administracións
Precisamente o CPDI será a infraestrutura chave para impulsar a interoperabilidade, é dicir, o intercambio de información e documentos entre administracións, a Xunta actuará como o nodo que posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos galegos e os do Estado. Unha liña de traballo que xa vén desenvolvendo ambas administracións.

A interoperabilidade evita ao cidadán presentar documentos ca mesma información en distintas Administracións, reduce o tempo de xestión e o custe dos trámites e axiliza o tempo de xestión dos procedementos. É un factor fundamental para que os cidadáns poidan resolver as súas xestións coas administracións públicas nun único procedemento ou trámite, independentemente do nivel administrativo ao que se acheguen.

Neste sentido Galicia está a desenvolver un conxunto de actuacións para implantar a eAdministración aliñadas coa estratexia estatal en canto á optimización do gasto, grazas a aplicación das novas tecnoloxías na Administración, e á reutilización das aplicacións informáticas.

Infraestruturas de Telecomunicacións
O secretario de Estado interesouse tamén pola situación das infraestruturas de telecomunicación en Galicia, elemento fundamental para que a Comunidade se integre de xeito definitivo na sociedade da información. A directora da Amtega trasladoulle a Victor Calvo Sotelo que o Plan de Banda Larga ten a día de hoxe todas as súas liñas en marcha e que preto de medio millón de galegos que carecían de cobertura de Internet en 2009 xa poden acceder a este servizo.