Mar Pereira lembra que os avances do Plan Senda para integrar as TIC na xustiza permiten a Galicia abordar a posta en marcha do expediente xudicial electrónico
Cun orzamento de 19 millóns de euros nos últimos cinco anos melloráronse as infraestruturas tecnolóxicas, os sistemas de información, o equipamento das sedes xudiciais.
A responsable da política TIC da Xunta destaca que o papel e a colaboración dos profesionais do ámbito xudicial é fundamental para que a integración da tecnoloxía alcance a máxima efectividade.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe, que desde o ano 2009 a Xunta traballa na mellora das infraestruturas tecnolóxicas, os sistemas de información, o equipamento e a formación dos usuarios nas novas aplicacións e sistemas. Son os grandes eixos do Plan Senda para a integración das TIC na xustiza galega, cuxo desenvolvemento cun orzamento de 19 millóns de euros nos últimos cinco anos, permite a Galicia abordar agora a implantación do expediente xudicial electrónico e a posta en marcha da sede electrónica do ámbito xudicial.
A responsable da política tecnolóxica do Goberno galego indicou que con estas actuacións “sentamos as bases para conseguir un sistema xudicial máis moderno pero quédanos un longo camiño por percorrer para alcanzar a integración efectiva das TIC na Xustiza e que cidadáns e profesionais poidan percibir todos os seus beneficios.” Neste sentido, Pereira destacou que o papel e a colaboración dos profesionais do ámbito xudicial é fundamental para que a integración da tecnoloxía alcance a máxima efectividade
Mar Pereira foi a encargada de clausurar hoxe as IV Xornadas de Informática Xudicial, organizadas polo Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), en colaboración coa Amtega, na que se abordaron os retos da Xustiza ante a sociedade 2.0 e aspectos como o ciberacoso e a seguridade da información das Administracións no contexto dixital actual.
Formación e información para previr o ciberacoso
Respecto ao o ciberacoso, a directora da Amtega sinalou o recente estudo elaborado pola Xunta e o Valedor do Pobo sobre os hábitos tecnolóxicos dos alumnos de secundaria que indicaba que o 31,4 % dos enquisados contactaron con descoñecidos a través da internet, que un 9% se sentiron algunha vez ameazados ou humillados a través das redes sociais, mentres que nun 6,8% de casos foron eles os que ameazaron a outros.
Pereira incidiu en que para evitar a proliferación destes casos é preciso o compromiso de todos. E esta é, afirmou, a filosofía de iniciativas que está desenvolvendo a Xunta en colaboración cos colexios profesionais de enxeñeiros en informática e enxeñeiros técnicos en informática a través de sesións e charlas formativas como “Navega con Rumbo” ou o acordo asinado este ano co Centro de Seguridade en Internet ‘Protégeles’ para realizar diferentes actuacións que fomenten o uso seguro e responsable da internet e accións formativas para os docentes
Adaptar a normativa ao novo contexto dixital
No caso concreto da Administración galega, a máxima responsable da Amtega, afirmou que nos últimos anos definiuse unha estratexia corporativa para o cumprimento da Lei Orgánica de Protección de Datos e do Esquema Nacional de Seguridade que, xunto cos programas de formación para concienciar os empregados dos riscos dos novos medios electrónicos, está a contribuír á mellora da seguridade da Administración.
Dentro desta estratexia un do últimos pasos é constitución da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, prevista para o día 21 de este mes, e que será o órgano colexiado ao máis alto nivel no sector público autonómico de Galicia, responsable do impulso, coordinación, asesoramento, consulta, control, promoción e decisión no ámbito da seguridade da información e do goberno electrónico e que terá participación de todas as consellerías da Xunta de Galicia.
Foro de debate
Máis de 150 persoas participaron na IV edición destas xornadas que se consolidan como foro de debate sobre temas de actualidade para a administración de Xustiza. Baixo o título “A xustiza ante a sociedade 2.0. Móbiles, nube, redes sociais e Big Data”, o encontrou reuniu a profesionais de recoñecido prestixio como o maxistrado e xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco; o avogado Jorge Campanillas Ciaurriz, especializado en dereito das Tecnoloxías da Información ; Jorge Martín García, inspector da policía científica; o membro da Europol Jaap Van Oss especializado na ciberdelincuencia; o profesor de Dereito Administrativo Julián Valero-Torrijos; o analista en seguridade informática e socio de DinoSec Raúl Siles Peláez, e o xa coñecido community manager da Policía Nacional, Carlos Fernández Guerra.