Mar Pereira: "Investir en novas tecnoloxías redundará nunha mellora a nivel produtivo e económico para Galicia"
Destaca o potencial das TIC como instrumento para conseguir obxectivos de maior alcance noutras áreas como a sanidade, a educación ou a Administración
A responsable do departamento autonómico indicou que as novas tecnoloxías son hoxe elemento clave en calquera plan de impulso ao crecemento económico
Ante este escenario a secretaria sinalou que o Goberno galego non pode renunciar na súa aposta por integrar as TIC en todos os ámbitos da sociedade como establece a Axenda Dixital 2014.gal
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, clausurou hoxe a presentación do informe Galicia Sociedade Dixital, elaborado pola Fundación Telefónica. A responsable do departamento autonómico indicou que os últimos datos da sociedade da información referidos a Galicia sinalan que “avanzamos pero somos conscientes de que a posición de Galicia con respecto ao resto de comunidades non é a desexada”. “Por iso, a pesar das restricións económicas, estamos convencidos de que investir nas TIC redundará nunha mellora a nivel económico e produtivo para Galicia”, manifestou.
Neste sentido, Mar Pereira destacou o esforzo que se está a realizar para dotar a Galicia das infraestruturas de telecomunicacións que garantan o acceso igualitario ás novas tecnoloxías e permita a toda a sociedade galega aproveitar os beneficios e oportunidades que derivan do seu uso. O Plan de Banda Larga da Xunta está a cumprir este obxectivo e desde a súa posta en marcha en a mediados de 2010 reduciu nun 41% a porcentaxe de galegos sen acceso á Rede.
Neste sentido, Mar Pereira destacou o esforzo que se está a realizar para dotar a Galicia das infraestruturas de telecomunicacións que garantan o acceso igualitario ás novas tecnoloxías e permita a toda a sociedade galega aproveitar os beneficios e oportunidades que derivan do seu uso. O Plan de Banda Larga da Xunta está a cumprir este obxectivo e desde a súa posta en marcha en a mediados de 2010 reduciu nun 41% a porcentaxe de galegos sen acceso á Rede.
Galicia conectada
A última acción do Plan, que se realizará en colaboración con Telefónica e que foi aprobada en Consello da Xunta este mes, permitirá dotar de cobertura a máis de 11.000 núcleos e a 250.000 galegos do rural. É a quinta das seis accións previstas no Plan e como subliñou a secretaria xeral o operador vai empregar pola tecnoloxía máis punteira neste momento, a tecnoloxía 3G na banda de 900 Mhz.
Así dotarase ao rural galego dunha infraestrutura preparada para os posibles aumentos de velocidade e calidade que se demanden no futuro e para os novos servizos que xa aparecen no mercado como a sinatura dixital no móbil, a teleasistencia social e sanitaria, o pagamento a través do teléfono ou servizos de seguridade.
A secretaria xeral manifestou que “as previsións que manexan os operadores indican que en 2014 o maior volume de acceso a Internet provirá de dispositivos móbiles e temos que estar preparados para estas novas necesidades e servizos”.
A importancia destas prestacións esténdese ao ámbito empresarial, para incrementar a produtividade e a competitividade das empresas. Mar Pereira afirmou que “no contexto actual as TIC son clave en calquera plan de impulso ao crecemento económico como na recente creación da Plataforma empresarial no exterior con 15 sucursais presentes en 14 países co obxectivo de incrementar o volume de negocio exterior das empresas galegas”. Un proxecto que require unhas empresas equipadas tecnolóxicamente e cuns traballadores formados no eido das TIC para conseguir o obxectivo marcado de incrementar en 2013 o volume de exportacións galegas nun 22%.
O futuro encamíñase na dirección de modelos de negocio online que foron evolucionando para satisfacer a inmediatez e a personalización da demanda actual. Así o pon de manifesto a crecente demanda de contidos dixitais en España, segundo se recolle no último informe sobre Contidos Dixitais 2010 elaborado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información. En 2009 o sector dos Contidos Dixitais experimentou un crecemento de case o 33% respecto a 2008 e rexistrou unha facturación de máis de 8.000 millóns de euros, incluso nunhas circunstancias económicas adversas.
Axenda Dixital
Mar Pereira sostivo que neste escenario o Goberno galego non pode renunciar na súa aposta por integrar as TIC en todos os ámbitos da sociedade como establece a Axenda Dixital 2014.gal.
No marco do Plan de Modernización da Administración Pública, referiuse aos avances no impulso da Administración electrónica para ofrecer aos cidadáns unha Administración máis próxima, transparente e participativa. Destacou a recente posta en marcha da sede electrónica punto de acceso único a toda a Administración a través da rede que, de xeito progresivo, ofrecerá aos cidadáns a mesma información e os mesmos servizos que teñen á agora súa disposición en calquera das xanelas das consellerías.
No eido da Educación, destacou que, coa posta en marcha do proxecto Abalar, “estamos consolidando os centros de ensino tradicionais como centros educativos dixitais. Este curso chegaremos a 1.500 aulas, 31.500 alumnos e 340 centros educativos.”
A responsable de Modernización recordou tamén a importancia da formación en novas tecnoloxías para ter unha sociedade capacitada para facer fronte aos retos da sociedade dixital. Nesta idea enmárcase o esforzo a nivel formativo que se está a realizar coa Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica que conta xa con 98 aulas repartidas en 92 concellos que formarán de xeito gratuíto en 2011 a 12.000 usuarios.