Mar Pereira indica que a posta en marcha da Amtega e do CPDI permitirán consolidar a vertebración dixital de galicia baixo os principios de eficiencia, austeridade e optimización do gasto
A recén creada Axencia para a Modernización Tecnolóxica é o instrumento para avanzar nos obxectivos da Axenda Dixital da Xunta e integrar as TIC en todos os ámbitos da sociedade
Entre os fitos máis inmediatos está a posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral como infraestrutura clave para impulsar a innovación nos servizos públicos
A directora da Amtega afirmou investir nas TIC redundará nunha mellora a nivel económico e produtivo para Galicia, xa que son a panca do cambio dos ámbitos de actuación da Administración autonómica e da sociedade galega no seu conxunto
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, indicou esta mañá en Toledo, que o Goberno Galego está a promover un modelo de xestión integrada das novas tecnoloxías na Administración galega para prestar mellores servizos, máis eficaces e con menor custe, evitando duplicidades administrativas e establecendo un planteamento de traballo por obxectivos.
Mar Pereira explicou este modelo de xestión das TIC como unha das liñas de actuación da Axenda Dixital 2014.gal da Xunta no IV Encontro do sector Público, Eficacia e Eficiencia na Administracións Públicas, organizado pola Fundación Dintel en Toledo.
A responsable do departamento autonómico afirmou que o Goberno galego entende as tecnoloxías da información como parte do desenvolvemento integral de Galicia, como soporte e panca de todo o cambio e o desenvolvemento que necesita a comunidade. Son, recalcou, unha panca do cambio social, cultural, educativo, dos servizos públicos, das pemes, das grandes empresas, de cada un dos ámbitos de actuación da Administración autonómica e da sociedade galega no seu conxunto.
Por iso, engadiu, o Goberno galego mantén a súa aposta por avanzar na construción dunha sociedade dixital baixo o convencemento de que investir nas TIC redundará nunha mellora a nivel económico e produtivo para Galicia. E nesa tarefa e sobre estes principios de eficiencia, austeridade e optimización do gasto a Amtega será o instrumento para avanzar nos obxectivos da Axenda Dixital.
Xestión integrada
A responsable de modernización tecnolóxica destacou que a creación da Amtega supón un paso máis na estratexia tecnolóxica da Xunta de Galicia aglutinando nunha mesma entidade os recursos persoais e orzamentarios do eido tecnolóxico, para evitar duplicidades, mellorar a eficiencia da Administración pública e optimizar recursos para poder desenvolver proxectos tecnolóxicos de maior calado.
Neste sentido Mar Pereira, sinalou que Amtega unifica baixo unha mesma dirección todos os recursos materiais e orzamentarios implicados nas políticas tecnolóxicas da Xunta e se consegue suprimir polo menos 15 departamentos administrativos con competencias duplicadas e acadar un aforro de espazo do 40% e de custos do 20%, é dicir, 20 millóns de euros anuais. Esta optimización do gasto, afirmou aumentará a capacidade para reinvestir en proxectos TIC innovadores no sector público galego.
CPDI: infraestrutura clave para a modernizar os servizos públicos
A entrada en funcionamento no verán do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) será un dos fitos máis relevantes do proxectos que a Amtega ten en marcha e que ademais, una vez integrados nel todos os servizos, será unha infraestrutura clave para impulsar a innovación nos servizos públicos e que permitirá ao sector público desenvolver proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o sector TIC da Comunidade.
O CPDI non só dará servizo a toda a Administración autonómica senón tamén a concellos, universidades, e deputacións provinciais. Precisamente, unha das iniciativas que porá en marcha a Amtega este ano é o Catálogo de Servizos Dixitais compartidos coa Administración Local, establecendo solucións comúns que permitan reducir custes, utilizando o CPDI como centro de aloxamento e respaldo para as administracións locais.
Axenda Dixital
A responsable da Axencia recordou que nos vindeiros meses aprobárase o contrato plurianual de xestión da Axencia que establecerá os obxectivos claves para os vindeiros tres anos que, irán encamiñados a consolidar a vertebración dixital de Galicia, a modernización dos servizos públicos e a creación de proxectos de innovación tecnolóxica en áreas estratéxicas para a Comunidade.
Mar Pereira sinalou que estes obxectivos están marcados na Axenda Dixital 2014.gal, a estratexia tecnolóxica global da Xunta que fai foco en tres aspectos fundamentais: a vertebración territorial de Galicia mediante a extensión de infraestruturas de telecomunicacións a través do Plan de Banda Larga; a consecución dunha Administración eficiente e austera mediante a integración das TIC na xestión de todos os servizos públicos; e dinamización económica co sector da economía do coñecemento como elemento tractor do resto dos sectores produtivos.