Mar Pereira destaca que o investimento en proxectos tractores da Axenda Dixital promoven a transformación e a innovación tecnolóxica dos sectores estratéxicos da comunidade

Xoves 29 de Maio de 2014

Mar Pereira destaca que o investimento en proxectos tractores da Axenda Dixital promoven a transformación e a innovación tecnolóxica dos sectores estratéxicos da comunidade

Iniciativas como o Plan Smart Turismo, o Plan Trabe de Servizos Sociais ou o Proxecto Abalar son exemplos de iniciativas TIC para a modernización de servizos públicos esenciais e sectores estratéxicos da economía galega.

Lembrou que nos últimos catro anos a Axenda Dixital de Galicia mobilizou preto de 1.100 millóns de euros e que este ano se presentará a nova estratexia tecnolóxica, que está a elaborar a Administración autonómica para o período 2015-2019.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou que o investimento en tecnoloxía redunda na modernización das Administracións Públicas, na mellora da súa eficiencia e servizos e no desenvolvemento de proxectos tractores que facilitan a transformación e a innovación tecnolóxica doutros sectores produtivos.

A responsable da área tecnolóxica da Xunta interveu hoxe en Madrid na mesa redonda “A innovación como axente facilitador do cambio nas Administracións Públicas” do Congreso Europeo de Consultoría 2014, que organiza a Asociación Española de Empresas de Consultoría (AEC).

Axenda Dixital e Amtega
Pereira sinalou que o actual Goberno galego apostou decididamente pola tecnoloxía desde o ano 2009, poñendo en marcha unha estratexia tecnolóxica global, a Axenda Dixital 2014.gal, e creando un único órgano para a xestión das TIC, a Amtega, dependente directamente da presidencia da Xunta.

En catro anos, a Axenda Dixital de Galicia mobilizou preto de 1.100 millóns de euros en medidas e actuacións parar a modernización tecnolóxica dos servizos públicos, a consolidación do sector TIC como elemento tractor dos restantes sectores produtivos e a implantación de infraestruturas de telecomunicación por todo o territorio galego.

Proxectos que transforman sectores estratéxicos
A directora da Amtega puxo en valor as iniciativas coas que a Administración autonómica busca transformar e modernizar sectores estratéxicos para Galicia como o Plan Smart Turismo cun orzamento de 10 millóns de euros ata 2020 para modernizar o sector desde unha perspectiva integral: desde a dotación de novas ferramentas TIC para a xestión ata o desenvolvemento de novos servizos avanzados de comercialización.

Na área dos servizos públicos, Pereira destacou o Plan Trabe, para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais a través das TIC e a creación da historia social única para cada usuario que conta cun orzamento de 8 millóns de euros. No eido da educación, a Xunta está a abordar unha nova fase do Proxecto Abalar coa posta en marcha dunha plataforma de libros dixitais, cun investimento da Administración de 3,6 millóns de euros, e que prevé alcanzar en tres anos a 22.500 alumnos. Pereira lembrou tamén a iniciativa para a dixitalización do patrimonio cultural, o Proxecto ARPAD, que permitirá crear o Arquivo Dixital Único para proporcionar servizos dixitais a toda a Administración pública galega, a interoperabilidade coa Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a creación dun Arquivo histórico documental.

Estratexias para situar a Galicia como referencia TIC a nivel europeo
Mar Pereira sinalou que a Administración autonómica está traballar na elaboración da nova Axenda Dixital de Galicia e lembrou que a finais de 2013 a Xunta aprobou a Estratexia Galega de Crecemento Dixital, aliñada coa RIS3, para afrontar os retos tecnolóxicos formulados por Europa no horizonte 2020 e que constitúe o marco estratéxico sobre o que se establecerán as actuacións da nova estratexia tecnolóxica.

A responsable da Amtega indicou que o novo marco de financiamento europeo supón unha oportunidade para dar continuidade a estas políticas posto que Galicia recibirá un total de 2.771 millóns de euros procedentes dos fondos estruturais (FEDER e FSE) da Unión Europea (UE) para o período 2014-2020.