Mar Pereira destaca que a posta en marcha en 2013 dunha rede de emerxencias propia mellorará o servizo que se presta aos cidadáns en situacións de crise
Facilitará unha intervención efectiva e eficaz dos 5.000 efectivos implicados e simplificará as tarefas de coordinación entre eles
Garante as comunicacións en casos de saturación das redes móbiles ou fixas e posibilita a incorporación de diversos servizos como a xeolocalización dos efectivos a través de GPS ou o envío de datos
Empregará as infraestruturas do operador público RETEGAL, permitindo un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos respecto ao uso de redes comerciais
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, afirmou hoxe que a creación por parte da Xunta dunha rede de emerxencias propia “é un proxecto estratéxico que responde a unha necesidade real”. Un proxecto “que é posible, no contexto económico actual, grazas a unha eficiente xestión dos recursos e á sinerxía dos investimentos con outros proxectos como o Plan de Banda Larga 2010-2013 e o despregamento das Redes de Televisión Dixital Terrestre”.
A responsable do departamento autonómico inaugurou esta mañá en Vigo a Xornada Internacional de Comunicacións de Emerxencias organizada polo Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant.
Na súa intervención Mar Pereira destacou que a entrada en funcionamento en 2013 dunha rede de emerxencias dixital e única permitirá a coordinación global en situacións de crise de todos os efectivos de emerxencia dependentes do Goberno autonómico, así como daqueles outras administracións ou organismos que se adhiran.
Isto, sinalou, redundará non só nunha maior efectividade do corpos de seguridade e emerxencia, senón tamén nunha mellora das prestacións aos cidadán, que terán garantida, ante situacións de emerxencia, que todos os organismos involucrados poden traballar de forma coordinada, optimizando así os recursos existentes.
Aforro de 37 millóns de euros en 10 anos
Para crear a nova rede de emerxencias despregaranse infraestruturas de telecomunicacións para o que se aproveitarán as implantadas no marco do Plan de Banda Larga e as redes do operador público Retegal, o que permitirá un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos respecto ao uso de redes comerciais convencionais. A empresa pública será a encargada de xestionar a rede dixital de emerxencias. O investimento ata 2013 será de 6.5 millóns e euros dos cales 4.5 serán achegados pola entidade pública empresarial red.es, e os 1, 9 restantes pola Xunta de Galicia.
85% de cobertura
A implantación da nova rede permitirá que en 2013 o 85% da poboación de Galicia estea cuberta, utilizando solucións móbiles para chegar ao resto do territorio. A nova rede permitirá acceder a novas funcionalidades a todos os organismos integrados nela, como poden ser a xeolocalización dos efectivos a través de GPS, a transmisión de datos, o envío de sms a persoas ou grupos, a gravación de chamadas, a consulta de bases de datos etc. Ademais, os dispositivos móbiles que se empregan están adaptados a condicións extremas.
Cinco mil efectivos integrados en 2013
O número inicial de usuarios estimados entre efectivos de Protección Civil, Axega, Policía Autonómica, 112, Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF), Grumir, bombeiros e 061 é de 5.000, que se prevé que cheguen aos 8.000 nun período de 3 a 5 anos. Esta rede porase a disposición doutros organismos públicos, como deputacións ou concellos, conseguindo deste xeito, unha maior coordinación dos distintos servizos de emerxencias.