Mar Pereira destaca que a crecente tendencia dun consumo cada vez máis dixital abre un amplo abano de oportunidades para o sector empresarial

Venres 26 de Outubro de 2012

Mar Pereira destaca que a crecente tendencia dun consumo cada vez máis dixital abre un amplo abano de oportunidades para o sector empresarial

Destacou que os proxectos tecnolóxicos que está a desenvolver a Administración autonómica contribúen tamén a xerar novos produtos e servizos por parte das empresas

A directora xeral de Promoción do Emprego salientou o compromiso do Goberno Galego coa cultura da innovación e o emprendemento con iniciativas como o programa de fomento das iniciativas de emprego de base tecnolóxica ou o programa “Empresa concepto”

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou esta mañá o espírito emprendedor tanto do sector tecnolóxico galego como das empresas non TIC que apostan por aproveitar as posibilidades que as tecnoloxías poñen ao seu alcance para ofrecer mellores produtos e servizos. A responsable da Amtega realizou estas declaracións na entrega da III edición dos Premios Innova-G, na que tamén participou a directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González.

Os premios Innova-G, organizados pola Asociación Galega de Empresas TIC (Agestic), recoñecen aquelas tecnoloxías, produtos ou servizos en internet e contidos dixitais desenvolvidos por empresas galegas no último ano.

A responsable de Modernización destacou que a presentación de máis de 70 iniciativas “pon de manifesto que as empresas galegas avanzan sen perder de vista o crecemento imparable das novas tecnoloxías en todos os ámbitos”.

Mar Pereira sinalou que o futuro se encamiña na dirección de modelos de negocio online que evolucionan constantemente para satisfacer a inmediatez e a personalización da demanda actual. Isto unido a clara tendencia dun consumo cada vez máis dixital sitúa ao sector empresarial ante un reto é dunha enorme envergadura, pero tamén ante un abano de oportunidades.

Open Data
Neste sentido, Mar Pereira, afirmou que a posta en marcha por parte da Administración de proxectos concretos relacionados coa sociedade da información como é o a modernización da Xustiza ou os avances na administración contribúen tamén a xerar novos produtos e servizos por parte das empresas. Precisamente, lembrou que o Goberno galego puxo en marcha este ano o portal Open Data Aber@s, que facilita a cidadáns e empresas a información que xera a Administración.

En pouco máis de seis meses o portal recibiu máis de 8.200 visitas e no último mes o numero de visitas e descargas foi semellante. Abert@s, segundo indicou a directora, ten como obxectivo converterse nun elemento xerador de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores que nestes meses xa crearon novas aplicacións, servizos e produtos en base a esta información.

Compromiso coa cultura do emprendemento e a innovación
Pola súa banda, a directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González, destacou o compromiso do Goberno galego coa cultura do emprendemento e da innovación. Neste sentido, puxo en valor varios programas que a Consellería de Traballo e Benestar ten posto en marcha para avanzar nesta liña de actuación. En primeiro lugar, fixo fincapé no programa de “fomento das iniciativas de emprego de base tecnolóxica”, que fomenta o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios.

No mesmo eido actúa o programa “Empresa concepto”, que se ocupa de dinamizar todo o proceso que vai desde a orixe dos resultados de investigación ata a creación dun “spin-off” académico. Por último, lembrou que o proxecto europeo NACCE (Núcleo de apoio á competitividade e creación de empresas TIC) ten como principal obxectivo apoiar a creación de novas empresas do sector TIC e apoiar o crecemento das xa existentes situadas no espazo transfronteirizo.

Os premiados
Agestic estableceu nesta terceira edición dos Premios Innova G cinco categorías distintas. O recoñecemento de Mellor start-up galega recaeu en SaborPlace (http://www.saborplace.com/); o de Mellor Emprendedor, foi para Rosa Conde, consultora de marketing online e comunicación interactiva a través da súa empresa Entremetidos; o de Mellor Desenvolvemento 2.0 para Buydeal.es (http://buydeal.es/) de Elo Tecnologies; Mellor Aplicación Móbil para PicSound de Evelb, una aplicación que permite facer fotos utilizando a voz; e o Mellor Deseño Web recaeu na páxina www.delagro.org realizada por Desoños.

Este ano concedéronse tres mencións coas que se distinguiu á LaconNetwork como o Mellor Evento Networking, ao programa da CRTVG Banda Ancha, como o Mellor Medio de comunicación de difusión das TIC e á Deputación de Pontevedra como Mellor Institución Pública Comprometida coas TIC.